BALONMÁN DHF
O Mecalia Atlético Guardés prepárase para a tempada 2024/2025
• O primeiro equipo comezou a pretemporada con dobre sesión de adestramento
• Ana Cristina Teixeira Seabra puido contar con gran parte das xogadoras nesta primeira toma de contacto
Redacción Deportes / A Guarda
O Mecalia Atlético Guardés comezou a súa pretemporada con enerxías renovadas tras a volta das vacacións. O equipo dirixido por Ana Cristina Teixeira Seabra, acompañada por Willian Roque e o preparador físico, Iván Vázquez, contou con 12 xogadoras dispoñibles no primeiro adestramento.
O Mecalia Atlético Guardés iniciou a súa fase preparatoria que constará de sesións dobres de adestramento: a sesión matinal, con exercicios físicos en ximnasio; e pola tarde, tácticos e de resistencia en pista. Ao pavillón asistiu gran parte do persoal, fóra de Pauli Fernández e Jazmín Mendoza, quen non puideron estar presentes debido a asuntos burocráticos. Espérase que ambas se incorporen aos adestramentos a semana que vén. Ademais, a eslovena Blazka Hauptman continúa recuperándose da súa lesión e tampouco puido participar nesta primeira fase.
Si acudiron ao adestramento as recentemente incorporadas Carme Castro e Elena Martínez. Tampouco faltaron a esta primeira toma de contacto as habituais: a capitá Míriam Sempere, Estela Carrera, Cecilia Cacheda, Cristina Cifuentes, África Sempere, María Palomo, Elena Amores, María Sancha, Ania Ramos e Itziar Martínez.
A pretemporada, que se estenderá ao longo de 6 semanas, poñerá o seu fin co arranque da competición en casa ante o Xixón o 31 de agosto. Ata entón, a maioría dos entrenos seguirán a estrutura desta primeira xornada: sesións de traballo físico pola mañá e adestramentos en pista polas tardes. Como parte da posta a punto, os recoñecementos médicos terán lugar o xoves 1 de agosto.
No itinerario ata a primeira xornada de liga, o equipo realizará tomas de contacto en distintos partidos amigables:
O conxunto do Baixo Miño disputará o mércores 7 de agosto o tradicional “Torneo Festas do Monte Santa Trega”. Seguidamente, está previsto un torneo en Porriño para o venres 9 ou o sábado 10. Os pratos fortes chegarán o mércores 14 con desprazamento a Xixón e o venres 16 e sábado 17 coa participación no Summer BAG Experience, en Villacelama (León). Tras o sorteo desta competición estival, o Mecalia Atlético Guardés disputará o venres un encontro ante o Bera Bera ás 18:30h para poder chegar á final do mesmo. Como broche final aos encontros preparatorios está a Supercopa Galicia con derbi galego ante o Porriño e cos detalles aínda por coñecer.

Ningún comentario:
Publicar un comentario