23 de xul. de 2024

A GUARDA

A Festa do Peixe Espada volverá esta fin de semana  

Na súa XIX edición, que se poderá desfrutar en 15 restaurantes da vila 




Infogauda / A Guarda

 A Festa do Peixe Espada celebrará esta fin de semana a súa 19ª edición. Darase comezo o venres 26 de xullo, co acto de inauguración no Concello ás 19:00 horas, onde tamén se fará entrega do premio do concurso infantil; desta vez, a Laura Santos Adrover.  

 Xa o sábado,  a partir das 11:00 horas, na praza Avelino Vicente, a Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro organiza un obradoiro infantil con pintacaras. Ademais, abrirase a exposición etnográfica mariñeira da Asociación Piueiro no edificio Casa do Pescador, que terá un horario de 11:30 a 13:30 e de 17:00 a 20:00 horas.

 Da animación musical polas rúas, ocuparanse os compoñentes do Trebón dos Xidos, que tanto o sábado como o domingo pola mañá, farán un percorrido desde a praza de Avelino Vicente ata o porto.  

 Para achegarnos ao mar, o volanteiro Piueiro ofrecerá saídas que precisan reserva previa na Oficina de Turismo, da praza do Reló ou no teléfono 986 61 45 46.  

 Durante a fin de semana 15 restaurantes ofrecerán diferentes tapas ou pratos que terán como protagonista o peixe espada. Deste xeito, mostran a variedade de preparacións culinarias nas que se pode consumir este saboroso peixe. 

 O peixe espada (Xiphias gladius) é unha gran fonte de nutrientes: contén ácidos graxos omega 3, selenio, fósforo, vitamina B12, niacina, vitamina A e D. É un peixe semigraso (4,3 g de lípidos totais por 100 g de porción comestible de alimento) de alta calidade, cun valor culinario moi elevado.

Ningún comentario:

Publicar un comentario