29 de xul. de 2024

A GUARDA

O Concello de A Guarda e a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común  de Camposancos apoian o deporte

Veñen de asinar un convenio coa Sociedade Atlética do Trega  


O alcalde do Concello de A Guarda e membros do equipo de goberno, co presidente e membros da xunta reitora da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Camposancos; directivos e atletas da Sociedade Atlética do Trega, no Campo de Chans (Camposancos)

Foto: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 O Concello de A Guarda, a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Camposancos e a Sociedade Atlética do Trega (Tomiño) asinaron un convenio por un ano, para o uso do antigo Campo de Chans, na aba sur do monte Santa Trega, correspondente a devandita comunidade de montes de Camposancos.   

 Deste xeito, A Guarda une vínculos co club no que adestran moitos atletas guardeses/as e fortalece a súa aposta polo deporte. Desde o Concello de A Guarda indican: "Mentres se executan as obras de remodelación do Campo da Mata (O Rosal), o alcalde de A Guarda, Roberto José Álvarez Carrero, ofreceulles esta solución inmediata para non deter a súa preparación."  

 O club de atletismo pensou así en asegurar os adestramentos neste momento circunstancial, mais unha vez rematada a obra, tamén retomarán os adestramentos na Mata.  

 O circuíto atópase no perímetro exterior do campo de fútbol, sendo de terra nun espazo aberto e con vistas ao río Miño. Un lugar perfecto para a preparación da tempada de cross. Ademais, usarán as zonas de duchas e vestiarios, onde disporán de auga e electricidade. Tamén realizarán traballo específico de forza os días chuviosos e de condicións climatolóxicas adversas.  

 Desta maneira, o club ten convenios cos tres concellos: A Guarda, O Rosal e Tomiño, que aportan instalacións intentando facer progresar a todos os atletas, que xa son máis de 120 licenzas no Baixo Miño.   

 Aparte do convenio actual, tamén se falou da posibilidade de realizar nun futuro unha proba de cross.

Ningún comentario:

Publicar un comentario