11 de xul. de 2024

A GUARDA

O Concello da Guarda alarma á veciñanza enviando unha remesa masiva de máis de 3.000 notificacións para limpeza de fincas 




Grupo Municipal do PSdeG-PSOE / A Guarda

 Estes días moitos veciños e veciñas da Guarda están recibindo notificacións firmadas polo alcalde da Guarda, que os/as informa da súa obriga de facer a limpeza das súas fincas, expoñéndose de non facelo a multas de entre 1.000 e 100.000€   

 Estas notificacións deberían ter sido enviadas de forma paulatina (non as máis de 3.000 ao mesmo tempo), e sobre todo antes do verán, xa que o obxectivo deste control é a prevención de incendios, para o que as fincas deberían estar limpas antes dos meses de máis calor.   

 Para colmo, as notificacións están enviándose de forma indiscriminada a todas as persoas propietarias de fincas nas franxas sensibles. Varios veciños e veciñas informáronnos de que, a pesares de ter limpas as súas propiedades, tiveran recibido igualmente as notificacións.   

 Nesas notificacións obrígase á limpeza das fincas baseándose en inspeccións realizadas durante o ano pasado,...,é dicir, envían avisos tomando como referencia inspeccións feitas fai máis de 6 meses?.  

 E preguntámonos: Como pensa Roberto Carrero que a veciñanza vai a facer fronte a limpeza de todas esas fincas? Nalgunhas delas non basta con que o propio veciño ou veciña acuda cunha desbrozadora, xa que hai que retirar acacias e outras especies arbóreas prohibidas, o que require na maior parte dos casos da contratación de empresas especializadas.  

 Non existen na zona do Baixo Miño, e ata Vigo tantas empresas que podan facer todo ese traballo nos 15 días que o Concello fixa de prazo máximo.  

 Cando a xente acude ao Concello a informarse danlles como resposta que o tema “é cousa da Xunta”, pero sen embargo vemos que noutros concellos limítrofes non se están enviando este tipo de notificacións masivas e indiscriminadas, así que, por qué na Guarda si?.  

 Estamos por tanto ante outra mostra da falla de planificación, e das “chapuceiras” formas de actuar deste equipo de goberno, pero sobre todo da pouca empatía que Roberto Carrero e o seu equipo teñen pola veciñanza guardesa. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario