12 de xuño de 2024

PONTEVEDRA

Na provincia están a executarse 17 proxectos en 15 concellos por un valor de 12M€ 

Abel Losada informa aos concellos da provincia de que poden solicitar unha prórroga para executar as obras da Liña 1 do PIREP Local  

 O prazo de xustificación para a execución destas subvencións, destinadas á rehabilitación de edificios municipais, remata o 30 de setembro 

 Na área de Vigo estanse a desenvolver 7 proxectos, 5 en Pontevedra, 2 no Condado-Paradanta, outros 2 no Salnés e 1 no Deza 


 Abel Losada, subdelegado do Goberno en Pontevedra
Foto: S. de G.

Infogauda / Pontevedra 

 O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, anunciou esta mañá que, desde hoxe, todos os Concellos que desexen ampliar o prazo de xustificación dos proxectos subvencionados na Liña 1 do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos de entidades locais (PIREP Local) poderán solicitar unha prórroga ao Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana (MIVAU). Aínda que en liñas xerais o programa avanza a bo ritmo e o Goberno espera que as entidades locais cumpran cos prazos de execución previstos, todos os beneficiarios que desexen solicitar unha ampliación do prazo de xustificación para a execución das subvencións da Liña 1, que conclúe o 30 de setembro, poderán facelo”.  

 O subdelegado explicou que o Ministerio é consciente das dificultades dalgúns Concellos para dar cumprimento á finalización das obras, “polo que estudiará a situación de maneira individualizada e caso por caso, para ofrecer ás entidades locais a posibilidade de solicitar unha ampliación motivada dese prazo”.  

 O prazo de solicitude das prórrogas permanecerá aberto desde hoxe e ata o próximo 30 de setembro. A petición deberá realizarse a través dun modelo de solicitude que estará dispoñible na sede electrónica de MIVAU. O subdelegado incidiu en que “todas as solicitudes serán estudadas unha a unha polo Ministerio, que as resolverá de forma motivada”.  Así mesmo, Abel Losada explicou que nos próximos días o Ministerio convocará unha reunión multilateral con todos os concellos interesados para facilitar detalles e atender calquera consulta que queiran realizar. O obxectivo do Ministerio, incidiu, é “estar a disposición dos Concellos e entidades locais para darlles soporte, acompañalos e axudarlles no que estea da súa man co obxectivo de que as actuacións contempladas no PIREP saian adiante”.

17 proxectos en 15 municipios da provincia 

 Abel Losada lembrou que o PIREP Local é un Programa para mellorar a eficiencia enerxética e a accesibilidade dos edificios de titularidade municipal que conta con diferentes liñas de axuda. En total, 17 proxectos en 15 municipios da provincia resultaron beneficiarios da Liña 1 deste programa. Por comarcas, na área de Vigo estanse a desenvolver 7 proxectos que recibiron 3,8M€ en axudas; en Pontevedra, 5, cunha financiación superior aos 5M€; no Condado-Paradanta, 2, cunha aportación de case 1M€; no Salnés outros 2, por 1,8M€, e no Deza, 1, que recibiu unha subvención de 1,1M€. En total, os concellos da provincia recibiron más de 12 millóns de euros procedentes desta liña de axudas.




 Por último, o subdelegado incidiu en que “é importante que as actuacións do PIREP non se retarden para poder cumprir co prazo comprometido con Europa”. 

 As diferentes convocatorias do Programa na provincia permitiron financiar 49 actuacións en 22 concellos, que recibiron axudas por un valor de 39 millóns de euros. Estes investimentos permiten rehabilitar edificios que dan servizo á cidadanía, como son colexios, polideportivos, centros de saúde e resto de instalacións municipais, contribuíndo a mellorar o patrimonio público e a dar cumprimento a Axenda Urbana.

Ningún comentario:

Publicar un comentario