Espazo Crianza, un ano de aprendizaxe e apoio para as familias rosaleiras
Este espazo de encontro para embarazadas e familias con bebés conclúe unha nova edición cunha alta participación e unha valoración moi positiva
Infogauda / O Rosal
Fin de curso por todo o alto do Espazo Crianza. O Rosal celebrou unha exitosa tarde de convivencia e lecer con todas as persoas participantes no Espazo Crianza, un lugar de encontro posto en marcha polo concello para acompañar a mulleres embarazadas e familias con bebés de 0 a 6 meses na crianza de nenos e nenas.
Para a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, “é un orgullo ver o éxito deste programa. A alta participación que cada ano ten o Espazo Crianza demostra o fundamental e necesario que é tecer unha rede de apoio e información ás familias nunha etapa tan crucial como é a da crianza dos seus fillos e fillas”.
Nesta edición, 15 xestantes e 16 bebés acompañados dos seus proxenitores estiveron guiados pola matrona Diana Ayude, que se centrou en crear un lugar de encontro e acompañamento a todas e todos os participantes, abordando diversas temáticas a través de contidos teóricos, dinámicas de grupo e prácticas adaptadas ás necesidades das familias.
No grupo de ‘Acompañamento na xestación consciente’ as 15 participantes afondaron na preparación para un parto feliz, falando dos cambios físicos e psicolóxicos que se producen durante o embarazo ou dos postparto en compañía, con exercicios para un embarazo activo e un parto consciente, aprendendo posturas facilitadoras e métodos de alivio da dor,
Pola súa banda, 16 bebés e as súas familias traballaron nunha crianza respectuosa na que nais e pais aprenderon a entender as necesidades de nenos e nenas. Abordáronse temas como as primeiras horas de vida, as probas de cribado dos primeiros días, os hábitos hixiénicos, a alimentación do bebé ou a estimulación para o seu desenvolvemento.
Con este programa, o Concello continúa apostando por iniciativas que melloren a calidade de vida das familias rosaleiras e reitera o seu compromiso de seguir achegando recursos e espazos que favorezan unha crianza respectuosa e informada.
Ningún comentario:
Publicar un comentario