1 de xuño de 2024

O ROSAL

A XXXII Feira do Viño do Rosal chegará con máis horas de enoloxía e lecer  

A Praza do Calvario será do 12 ao 14 de xullo un grande escaparate no que gozar de xeito lúdico do valor dos caldos elaborados polas bodegas D.O. Rías Baixas Subzona do Rosal  

A feira acollerá un xogo de escape centrado no sector vitivinícola ao abeiro de Eureka Reto Rural de EuRural e Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño  



Infogauda / O Rosal   

 A Feira do Viño do Rosal prepárase para celebrar a súa 32 edición cunha morea de actividades para todos os públicos e con máis horas que nunca. Do 12 ao 14 de xullo a Praza do Calvario aglutinará boa parte da actividade dunha feira que de novo maridará a enoloxía coa música, actividades para desfrutar en familia, exposicións e actividades didácticas, gastronomía e moita diversión co sector vitivinícola como eixo central.   

 “O viño forma parte da nosa idiosincrasia, da nosa identidade, da nosa orixe, pero tamén é un sector estratéxico que non só imprime calidade a cada un dos seus produtos, senón que tamén xera emprego e riqueza no Rosal”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.  

 Como novidade, a feira abrirá as súas portas o venres 12 de xullo cun acto inaugural que se celebrará ao mediodía na propia Praza do Calvario e que dará o pistoletazo de saída a tres días cunha morea de actividades programadas e dirixidas a todos os públicos. Xunto a concertos, actividades para nenos e nenas e outra relacionadas cos viños, este ano cobrará especial relevancia o xogo de escape que se celebrará no Calvario ao abeiro do proxecto Eureka Reto Rural, unha iniciativa de EuRural e o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño que busca ofrecer experiencias turísticas diferenciais coas que ir descubrindo os segredos do territorio. 

 Ambientado no sector vinícola, esta actividade será o venres 12 ás 19.30 horas e ofrecerá unha inmersión interactiva na riqueza cultural e histórica rosaleira deseñada para todos os públicos e totalmente de balde. Pensada para facer en grupo ou de forma individual, con nenos menores de 12 anos acompañados dunha persoa adulta, as e os participantes percorrerán os arredores da Praza do Calvario móbil en man resolvendo retos, enigmas e probas que irán atopando ao longo de todo o percorrido circular. O equipo que complete o desafío en menos tempo gañará unha experiencia para seis persoas para desfrutar de produtos e vivencias únicas noutro dos municipios do territorio de EuRural e do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño. As persoas interesadas en participar xa poden inscribirse na web. 

 En breve publicarase máis información relativa á programación detallada da XXXII Feira do Viño do Rosal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario