13 de xuño de 2024

EDUCACIÓN

Seis centros galegos rematan o seu primeiro curso no programa Escolas de fronteira entre España e Portugal 

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa participa na clausura desta iniciativa que promove as competencias bilingües e interculturais entre centros, docentes e alumnos de Galicia e Portugal 


A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, participou hoxe en Xinzo de Limia no encontro internacional que conclúe o programa Escolas de fronteira deste curso
Foto: X.G.

Infogauda / Xinzo de Limia (Ourense)

 A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, participou hoxe en Xinzo de Limia no encontro internacional que conclúe o programa Escolas de fronteira deste curso. A Xunta promove, con esta iniciativa, as competencias bilingües e interculturais entre centros, docentes e alumnos de Galicia e Portugal.  

 Neste curso, participaron na iniciativa un total de 49 centros de España e Portugal, deles seis galegos. Trátase dos colexios CEIP Plurilingüe Infante Felipe de Borbón (Salvaterra do Miño), CEIP Plurilingüe Nº1 de Tui, CEIP Rosalía de Castro (Xinzo de Limia), CEIP Carlos Casares (Xinzo de Limia), CEIP Princesa de España (Verín) e CEIP Plurinlingüe Amaro Refojo (Verín).   

 A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP felicitounos pola  súa disposición por formar parte desta iniciativa e polo seu interese por tecer redes educativas e culturais cos centros do país veciño. Durante a xornada, os colexios participantes presentaron o seu proxecto en conxunto co seu centro espello portugués, co cal promoveron a creación e intercambio de recursos pedagóxicos. Para levar a cabo estas actividades, o profesorado realizou unha formación específica sobre metodoloxía de proxectos multiculturais.  

 Así mesmo, participaron no encontro representantes da Embaixada de España en Portugal, así como membros das delegacións e gobernos de Portugal, Estramadura e Castela e León.  

 O encontro evidencia a importancia de fomentar a promoción da identidade común dos pobos galego e portugués, dentro dunha perspectiva xeral de integración europea e do mundo lusófono.  As actividades interdisciplinarias realizadas engloban as realidades de ambos países e, en particular, o territorio fronteirizo no que se atopan.  

Proxecto EBIF 

 O proxecto EBIF (escolas bilingües e interculturais de fronteiras) promove a educación intercultural e bilingüe nos centros situados na zona fronteiriza entre España e Portugal. A iniciativa fomenta a cooperación entre ambos países e as comunidades autónomas, coa Organización de Estados Iberoamericanos (OEI) como socio estratéxico. Ademais, conta coa participación das Universidades de Aveiro e Complutense de Madrid, as cales tamén asistiron a inauguración do encontro internacional.  

 A iniciativa fomenta as relacións entre ambos países e as comunidades autónomas. Por iso, durante a xornada, establecéronse as liñas da próxima edición en relación a autonomía, formación e recursos, co fin de continuar promovendo as competencias bilingües e interculturais entre centros, docentes e alumnos de Galicia e Portugal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario