13 de xuño de 2024

A CORUÑA

Saúde Mental FEAFES Galicia inaugura as súas novas instalacións para a atención á saúde mental na Coruña  

A entidade presentou a nova sede da súa delegación da Coruña, coa que da un paso máis no traballo pola mellora da calidade de vida das familias e persoas con problemas de saúde mental na cidade herculina. 


De esq. á der.: Ignacio Borrego, Yoya Neira, Valentín Formoso, Xosé Ramón Girón, Marta Gil, Pilar Romero, Cristina Rivas

Ana Escrigas Rodríguez / A Coruña

 Hoxe, 13 de xuño, Saúde Mental FEAFES Galicia celebrou a inauguración da súa nova sede na Coruña, sita en Rúa Revolución Francesa nº 13 baixo, no barrio de Vioño. O evento consistiu nunha visita polas instalacións, un acto institucional e un aperitivo posterior. 

 A xornada contou coa presenza de Valentín González Formoso, presidente da Deputación Provincial da Coruña; Yoya Neira Fernández, concelleira de Benestar Social; Juan Ignacio Borrego Vázquez, Concelleiro de Educación, Emprego e Relacións Institucionais; e Marta Gil Pérez, Xefa do Servizo de Xestión da Consellería de Sanidade na Coruña. Interveu tamén Xosé Ramón Girón, presidente de Saúde Mental FEAFES Galicia, e asistiron representantes doutros recursos e organizacións colaboradoras, así como membros da entidade e do seu tecido asociativo.  

 Na súa intervención, o presidente de Saúde Mental FEAFES Galicia destacou a enorme evolución que viviu a entidade dende o seu nacemento fai case trinta anos, atendendo nese tempo a numerosas persoas con problemas de saúde mental e contribuíndo a “restaurar o seu sentido de dignidade, respecto, autoestima e cidadanía máis alá da súa estabilización”. Así mesmo, recordou que a saúde mental debe ser considerada hoxe en día como “un dos problemas de saúde pública máis relevantes dos nosos tempos” e que para a súa abordaxe é preciso “ampliar horizontes e adquirir un firme compromiso por parte de todos os axentes implicados na busca dunha solución”. 

 Valentín González Formoso, presidente da Deputación Provincial da Coruña, recoñeceu a labor de Saúde Mental FEAFES Galicia e indicou que “as administracións teñen a incumbencia de recoñecer a problemática da saúde mental, a falta de recursos que existe para a súa atención, o estigma que pesa sobre o colectivo e a necesidade de contribuír a eliminar esa lacra”. 

 Pola súa banda, Yoya Neira Fernández, concelleira de Benestar Social, aproveitou para anunciar o lanzamento do plan municipal de saúde mental, elaborado coa colaboración de Saúde Mental FEAFES Galicia no diagnóstico das necesidades da poboación coruñesa que se atopa nesa situación. 

 Marta Gil Pérez, Xefa do Servizo de Xestión da Consellería de Sanidade na Coruña, indicou que as institucións teñen que contar coas asociacións á hora de abordar as distintas problemáticas sociosanitarias, “posto que son as que teñen a experiencia, a profesionalidade e, sobre todo, o enfoque das familias e as persoas beneficiarias”, indicou. 

29 anos traballando pola saúde mental 

 Segundo a Organización Mundial da Saúde, unha de cada catro persoas terá un problema de saúde mental ao longo da súa vida. En Galicia, segundo o censo de persoas con discapacidade da Consellería de Política Social, no 2023 había 70.128 persoas con problemas de saúde mental, das cales 27.876 pertencen á provincia da Coruña e 5.544 ao concello da Coruña. Este censo revela tamén que os problemas de saúde mental son a segunda causa de discapacidade máis frecuente despois da física.  

 Saúde Mental FEAFES Galicia leva dende 1995 traballando na mellora da calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e as súas familias, logrando poñer en marcha múltiples dispositivos, proxectos e recursos que dan resposta ás necesidades que tiña o colectivo e que non estaban cubertas. Na cidade da Coruña conta cunha delegación dende o ano 2008 na que se atenden cada ano a preto de 400 persoas, ademais da asociación APEM que ten diversos centros na cidade.   

 A través do seu traballo, Saúde Mental FEAFES Galicia ofrece unha atención integral e personalizada ás persoas con problemas de saúde mental, atendendo todas as súas facetas e adaptando a intervención a cada casuística particular. A entidade defende que a axeitada atención social e sanitaria para o colectivo debe darse dentro do ámbito comunitario, nun entorno normalizado da sociedade e con recursos de apoio efectivos e adaptados ás súas circunstancias.  

 Neste senso, nas instalacións recentemente estreadas na cidade da Coruña ofreceranse servizos gratuítos como información, asesoramento e apoio; asesoría xurídica; formación prelaboral; orientación laboral e apoio na busca e mantemento dun emprego; atención sociosanitaria; sensibilización en centros educativos; actividades de ocio e deportes, etc. Para que unha persoa poida ser atendida en Saúde Mental FEAFES Galicia, é preciso ter un diagnóstico de saúde mental ou ser familiar dunha persoa que o teña, e é necesario pedir cita previa no 981 228 135 ou no teléfono gratuíto 900 102 661.

Ningún comentario:

Publicar un comentario