"SALAZÓN" PUXO BROCHE DE OURO Á TEMPORADA 2023-2024 DE "MÚSICA E PALABRAS"
José Fernando Martínez Martínez / Camposancos
A pesar de caer raios e tronos, envoltos nun mar de auga, as 8 da tarde de onte venres, na Casa Cultural da Comunidade de Montes en Man Común de Camposancos, celebrouse - e de qué maneira! - o derradeiro "Música e palabras" da temporada. E como o ben feito nin a tormenta o para, foi unha sesión inesquecible.
Todo comezou coma sempre. Con música. María José Baz cantando e logo ceibando notas musicais acompañando aos espontáneos que subiron o estrado a recitar as súas obras poéticas.
Deseguido Juan Carlos González (Berna) presentou ao monologuista Mario Baró Pereira interpretando a un crego faltando o voto de castidade.
E como colofón a fin de temporada de "Música e palabras", Juan Carlos González presentou unha grandísima sorpresa: "Salazón". Unha pequena obra teatral de creación, montaxe e producción propia, interpretada por tres actores afeccionados José Antonio Rodríguez, Ángeles Rodríguez e Ramón Sabariz, como elenco.
"Salazón", ambientada toda ela na nosa zona xeográfica, pon de manifesto, en clave humorística, a sordidez dun matrimonio e do medio no que viven, evidenciando de xeito moi sarcástico a psicoloxía dos personaxes.
Pacífico quer enterrar a súa sogra en Portugal. Busca o consello dun experto co fin de aforrar cartos. Ao rematar, opta polo tradicional método da salazón para conservar o cadáver.
Foi todo un broche de ouro á temporada 2023-24 de "Música e palabras".
Ningún comentario:
Publicar un comentario