27 de maio de 2024

A GUARDA

REGRESAN AS VISITAS GUIADAS AO CASTRO DO MONTE SANTA TREGA, DE XUÑO ATA SETEMBRO 



Infogauda / A Guarda

 O Monte Santa Trega é o recurso máis destacado da Guarda polos seus valores patrimoniais, relixiosos e paisaxísticos, e o Padroado Municipal Monte Santa Trega ofrece unha temporada máis as visitas guiadas ao Castro do Trega para que os visitantes e veciños poidan coñecer mellor o valor arqueolóxico deste monte. 

 No verán de 2023 superáronse as 4.000 persoas que realizaron a visita guiada centrada no Castro do Monte Santa Trega. Isto supón un incremento con respecto a anos anteriores, asegurando a oferta destas visitas guiadas na programación de xuño a setembro. 

 O punto de encontro é o aparcadoiro da Casa Forestal e a visita recorre menos de 1 km polas diferentes áreas escavadas durante os últimos cen anos, incluíndo a zona norte coas vivendas reconstruídas e a muralla ata a zona de Mergelina, na ladeira ao río Miño. Sempre é interesante completar esta actividade coa visita ao Museo Arqueolóxico do Monte Santa Trega (MASAT). 

 Os meses de xuño e setembro adoitan ser datas preferentes para visitas guiadas concertadas para grupos e escolares polo que a visita guiada regular nestes meses será as fins de semana ás 12:00h. 

 Para os meses de maior afluencia, xullo e agosto, amplíase a oferta con visitas de martes a domingo e 4 quendas ao día (12:00, 13:00, 18:00 e 19:00h). Deste xeito, os visitantes interesados terán a oportunidade de coñecela cultura castrexa e a nosa paisaxe. 

 Estas visitas guiadas non precisan reserva previa e son gratuítas pero aqueles que accedan ao Monte Santa Trega en vehículo deberán abonar o prezo público. 

Visita nocturna os martes de xullo e agosto 

 A novidade desta temporada é a visita nocturna de Historias e petróglifos que se realizará cada martes dos meses de xullo e agosto. A proposta é dar a coñecer as lendas e historias percorrendo a área norte do castro e que incluirá a visita ao petróglifo Laxe Sagrada e mapa. O punto de encontro é o mesmo, o aparcadoiro da Casa Forestal, pero para esta visita nocturna si é preciso realizar inscrición previa. A apertura das inscricións será o xoves anterior e tramitarase desde o Museo Arqueolóxico do Monte Santa Trega (MASAT), no WhatsApp 690 01 70 38 para 4 persoas máximo por petición ou unidade familiar. 

 Para calquera dúbida poden consultar directamente no Museo Arqueolóxico no teléfono 690 01 70 38 ou un correo eléctrónico a masat@aguarda.es.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario