Pasacalles musical, espectáculo familiar, concertos e teatro no venres de San Telmo
Infogauda / Tui
Pasacalles musical con Pulpiño Viascón; un espectáculo de malabares, humor e circo con Peter Punk; o peche da XIV Semana de Teatro Amador co grupo de teatro A Ínsua; e os concertos de Pacheco Bros e Acevedos Delgados conforman a programación para mañá venres nas festas de San Telmo
As actividades comezarán con Pulpiño Viascón que fará un pasacalles, ás 17 h e ás 19 h co seu novo espectáculo “A Trikidisco”. Co seu acordeón interpretará música con ritmos de muiñeira africanos, ska, cha cha cha, e xotas. No seu percorrido non faltarán as pombas de xabón e súa voz. Pulpiño Viascón que é Marcos Aboal Vázquez, que formou parte de bandas coma “Os Diplomáticos de Monte Alto” ou “Bonovo”, e que colaborou en discos con Manu Chao o Susana Seivane.
O público familiar poderá gozar este venres ás 18 h na carpa da Corredoira con “Chungo que te cagas” o primeiro espectáculo da andaina coma pallaso de Peter Punk. No mesmo crea un universo propio a través do xogo e dunha visión moi persoal do mundo. Da súa maleta sairán pelotas, un prato chinés, fachos de lume,…, para conformar unha hora de diversión con circo, malabares, humor e clown.
Ás 21 h rematará a XIV Semana de Teatro Amador no Teatro Municipal de Tui co grupo de teatro A Ínsua, da Asociación Cultural A Ínsu,a de Caldelas con “Os montescos e os capuletos”. Sofía González Durán é a autora e directora desta comedia inspirada en “Romeo y Julieta” de Shakespeare, ofrecendo unha visión do amor máis actual e menos torturadora, que convida a cuestionar o amor encorsetado sen contemplar que é diverso, que hai moitas clases de amor, e que o amor é libre. O elenco está formado por Consuelo Besada Gándara, Gabriel López González, Josefa Carrera Núñez, María del Mar Alonso Ubiña, Rosa María González Núñez, Sofía Pimentel Fernández e Vanesa Villar Costa. As entradas están á venda en tui.gal até mañá venres ás 18 h e dende ás 20 h poderanse adquirir no despacho de billetes ao prezo de 2€.
Mentres na carpa da Corredoira terán lugar os concertos de Acevedos Delgados e Pacheco Bros. Ás 21 h o grupo Acevedos Delgados, de Goián, interpretará versións de cancións populares e os seus propios temas con toques de pop, blues e rock. O grupo está formado por Andrés Acevedo e Davinia Delgado. A continuación, ás 22.30 h, Pacheco Bros, o dúo formado polos irmáns vigueses Javi e Diego Pacheco, historia da música pop rock e o blues dos anos sesenta, con versións de temas máis recoñecidos e tamén actuais.
VENRES 5
17.00h – 17.30h Na Corredoira, pasacalles con “A Trikidisco” de Pulpiño Viascón.
18.00h – 19.00h Na Carpa da Corredoira, actuación de Peter Punk con “Chungo que te cagas”.
19.00h – 19.30h Na Corredoira, pasacalles con “A Trikidisco” de Pulpiño Viascón.
21.00h – 22:00h No Teatro Municipal, XIV Semana de Teatro Amador co grupo A Ínsua, de Caldelas. Estrea de “Os montescos e os capuletos”
21.00h – 22.30h Na Carpa da Corredoira, actuación de Pacheco Bros.
22.30h – 00.00h Na Carpa da Corredoira, actuación de Acevedos Delgados.
Ningún comentario:
Publicar un comentario