A Xunta de Galicia destina máis de 27.000 euros ao cofinanciamento dos comedores escolares no Baixo Miño
• A partida de axudas distribúe preto de 270.000 euros para este fin na área territorial de Pontevedra
Infogauda / Tui
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou o CEIP Número 2 de Tui, onde se reuniu con varios representantes da ANPA As Olivas con motivo da axuda de case 14.000 euros que a Xunta lles outorgou para o cofinanciamento dos servizos do comedor escolar.
Xunto ao director do centro, o delegado destacou o compromiso da Xunta coa mellora continua dos centros educativos e dos seus servizos e agradeceu o traballo desinteresado de “todos os membros da ANPA, que están sempre pendentes do traballo que se leva a cabo nas escolas e que coas súas peticións e suxestións nos axudan a mellorar”.
Cabe destacar que a Xunta distribuíu, grazas a esta orde, preto de 270.000 euros en axudas por toda área territorial, dos cales máis de 27.000 corresponden á comarca do Baixo Miño.
O delegado aproveitou a visita para coñecer máis a fondo o Colexio CEIP Número 2 e, en concreto, para comprobar os bos resultados da obra de reforma de dous aseos levada a cabo pola Xunta, que contou cun orzamento de máis de 45.000 euros.
Este centro escolar acumula varias actuacións de mellora dende o ano 2009, uns traballos nos que a Xunta investiu máis de 200.000 euros e que reverteron directamente a favor do alumnado. Contando as actuacións levadas a cabo nos demais centros escolares do concello o importe alcanza os 2 millóns de euros.
Reguera rematou a visita explicando que desde o goberno autonómico “somos conscientes de que sempre quedan cousas por mellorar” e lembrou que “é imprescindible que as institucións cumpran co seu compromiso nun ámbito tan sensible como o da educación. Tanto a Xunta mellorando e renovando as condicións deste edificio que vai cumprir medio século, como o concello realizando o mantemento necesario para coidar e protexer as infraestruturas”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario