25 de abr. de 2024

SANTIAGO DE COMPOSTELA

A Xunta reafirma o seu compromiso de apoio co labor de protección, promoción e divulgación do patrimonio cultural do Museo do Pobo Galego 

  O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, visitou o centro museístico acompañado do director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo  

  O Goberno galego e o Padroado do museo manteñen vixente un convenio de colaboración que eleva a máis de 1,3 M€ o financiamento do Administración autonómica para este centro nos últimos tres anos


O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, nun momento da visita que realizou esta mañá ao centro museístico, acompañado do director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, xunto coa presidenta e o director técnico, Concha Losada e Manuel Vilar, respectivamente, e membros do Consello de Goberno do Museo do Pobo Galego
Foto: X.G.

Infogauda / Santiago de Compostela

 A Xunta de Galicia reafirmou hoxe o seu compromiso de apoio co labor de protección, promoción e divulgación do patrimonio cultural que desenvolve o Museo do Pobo Galego. Así llo trasladou o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, na visita que realizou esta mañá ao centro museístico, acompañado do director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.  

 “Desde a Xunta queremos manifestarlle ao Museo o noso total apoio ao labor que realiza e que saiba que seguirá contando coas nosas achegas e coa nosa interlocución para acompañalo nos retos que esta institución ten por diante”, garantiulles o conselleiro de Cultura á presidenta e ao director técnico, Concha Losada e Manuel Vilar, respectivamente.  

 O conselleiro de Cultura quixo aproveitar esta primeira visita institucional ao Museo do Pobo Galego para coñecer de primeira man “unha das institucións culturais de referencia de Galicia”. Neste senso, puxo en valor o “traballo fundamental” que realiza na conservación e na divulgación da identidade e da cultura popular de Galicia. E salientou o feito de que o fai desde a capital de Galicia, con conexións académicas e investigadoras co conxunto de Galicia e, especialmente, con Portugal.  

 Precisamente, destacou a singularidade de que, situado ao pé do Camiño de Santiago, o Museo do Pobo Galego favorece o acceso de visitantes e turistas, que teñen unha visión contemporánea dos principais elementos da identidade de Galicia tras a visita das súas salas.  

Achega da Xunta de máis de 1,3 M€ nos últimos tres anos 

 O conselleiro de Cultura lembrou que o Goberno galego e o Padroado do museo manteñen vixente un convenio de colaboración que eleva a máis de 1,3 M€ o financiamento para este centro nos últimos tres anos. En concreto, e a raíz do último convenio asinado, a achega da Administración autonómica para 2024 é de 451.800 €.  

 Deste xeito, a Xunta contribúe a sufragar tanto os gastos habituais de funcionamento desta institución como as actividades culturais que desenvolve. Inclúe, polo tanto, contribuír á programación habitual do museo integrada por exposicións temporais, actividades didácticas para todo tipo de públicos, ciclos de cine e concertos musicais, actuacións de conservación e restauración de fondos, servizo de biblioteca, edicións de publicacións e estudos de investigación, entre outros.  

Plan Xeración Cultura 

 Ademais, o convenio responde tamén ao establecido no novo Plan Xeración Cultura que vén de poñer en marcha a Xunta cun investimento de 34 M€ para o desenvolvemento de 57 accións. Precisamente un dos eixes deste plan é a preservación e protección do legado cultural e a aposta pola modernización das infraestruturas culturais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario