Abel Losada recoñece a “dedicación altruísta e xenerosa” dos voluntarios da Rede Nacional de Radio de Emerxencias (REMER) en Pontevedra
• A rede está integrada na provincia por 53 colaboradores que cooperan con Protección Civil asegurando as comunicacións en caso de emerxencia
• O subdelegado entregou diplomas de recoñecemento a catro voluntarios e voluntarias e destaca que a sociedade “sempre ten que ter un plan B porque se as cousas que non deben fallar, fallan”
Foto: S. de G.
Infogauda / Pontevedra
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, recibiu esta mañá a catro persoas radioaficionadas e voluntarias da Rede Nacional de Radio de Emerxencias (REMER) no territorio provincial para entregarlles un diploma en recoñecemento á súa dilatada actividade e a súa colaboración desinteresada con esta rede de Protección Civil.
Durante o encontro o subdelegado puxo en valor “a dedicación altruísta e xenerosa ao servizo público” das catro persoas galardoadas, así como a importancia do labor de todos os integrantes dunha rede en sentido dobre, “de persoas, e de seguridade”.
No acto de hoxe recoñeceuse a dedicación e traballo desinteresado de Mónica Caldas, integrante da rede desde hai 10 anos; Luís Rubio, na rede desde hai 15 anos; Eliseo García, na rede desde hai 30; e Luís Losada, que forma parte da rede desde hai 40 anos.
O subdelegado subliñou que as distincións outorgadas “non son unha simple acreditación dos anos de dedicación, senón un diploma que acredita que hai persoas que dedican parte das súas vidas, dos seus esforzos e do seu tempo aos demais”. Losada aproveitou o acto para agradecer o servizo prestado altruístamente ás 53 persoas que integran a rede na provincia. “A sociedade sempre debe ter un plan B por se as cousas que non deben fallar acaban fallando. Oxalá non fixera falta ningún sistema de Protección Civil, pero é unha gran tranquilidade saber que existen e que hai xente que, sen ningunha retribución económica, traballa en beneficio da comunidade e está aí”. E incidiu na importancia da rede a día de hoxe. “Internet xa ten demostrado que non é infalible. E cando falla, aí están os radioafeccionados e radioafeccionadas, para que as cousas vaian ben, mesmo cando van mal”.
Acompañaron ao subdelegado durante a entrega de diplomas a xefa da Unidade de Protección Civil en Pontevedra, Natalia del Caño, os coordinadores da REMER na provincia, Ismael Rodríguez, Juan Jesús Taracido e Hortensia Rodríguez, e os xefes de zona, Marcelino Vázquez e Leopoldo Chousal.
Unha rede nacional para atender as comunicacións en emerxencias
O obxectivo da Rede Radio de Emerxencia (REMER), pertencente ao Ministerio do Interior, é achegar a Protección Civil unha rede de comunicacións que asegure as transmisións en caso de sinistros, emerxencia ou catástrofe. En especial, cando as telecomunicacións non están dispoñibles ou non hai cobertura.
A rede está integrada por persoas radioaficionadas que de forma voluntaria intégranse na estrutura para colaborar en situacións de emerxencia. Na actualidade, forman parte de REMER preto de 4.000 colaboradores, dos cales máis de medio centenar operan desde Pontevedra prestando un servizo de forma altruísta.
Ningún comentario:
Publicar un comentario