9 de abr. de 2024

O ROSAL

O Rosal vai celebrar unha xornada para aprender a usar a cadeira todo terreo para rutas adaptadas  

 Será este sábado 13 ás 10.00 horas na Explanada do Horizonte e rematará percorrendo un pequeno tramo do Camiño de Santiago pola Costa   


Tras a clase técnica que comezará ás 10.00 horas, as persoas participantes poderán practicar todo o aprendido no manexo da cadeira todo terreo facendo un pequeno tramo do Camiño de Santiago pola Costa

Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal

 O Rosal camiña de xeito firme para converterse nun municipio accesible e inclusivo para toda a veciñanza, tamén no goce da natureza, do patrimonio e da contorna. O Concello organiza este sábado 13 de abril unha xornada técnica na que as persoas interesadas poderán aprender a empregar a Joëlette, unha cadeira todo terreo co que as persoas con mobilidade reducida poden realizar rutas de sendeirismo no municipio.  

 A Explanada do Horizonte será o lugar elixido para esta xornada técnica, que permitirá a todas as persoas participantes probar e experimentar as distintas posicións da cadeira nun terreo favorable para continuar aprendendo sobre o seu uso logo cunha pequena saída. Tras a clase técnica que comezará ás 10.00 horas, as persoas participantes poderán practicar todo o aprendido no manexo da cadeira todo terreo facendo un pequeno tramo do Camiño de Santiago pola Costa.  

 Como salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, o obxectivo “é crear un servizo permanente para que as persoas que o precisen poidan facer diferentes rutas polo noso municipio dun xeito programado acompañadas dun equipo de voluntarios e voluntarias que coñezan o manexo desta cadeira todo terreo”. As persoas interesadas en participar neste encontro e en formar parte do equipo de voluntariado que porte a Joëlette en futuras saídas poden inscribirse a través do teléfono 649 29 79 03. 

 A Joëlette é unha cadeira que conta cunha roda e con dous elementos de agarre, un traseiro e un dianteiro, polo que quen a utilice debe ir acompañada de polo menos dúas persoas, xa que unha debe asegurar o seu equilibrio e outra encargarse da tracción e da dirección. Pode solicitala calquera persoa con mobilidade reducida para realizar unha ruta adaptada. O Concello do Rosal adquiriu esta cadeira todo terreo buscando dar un paso máis cara a inclusión integral no municipio, deseñando estratexias que permiten traballar de forma conxunta a prol da diversidade a Goberno municipal, tecido asociativo, entidade e veciñanza. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario