18 de abr. de 2024

O ROSAL

O equipo de voluntariado de velutinas do Rosal realizou 130 intervencións no 2023  

 Este grupo é unha peza clave para manter o equilibrio ecolóxico no municipio e dar resposta rápida ante a aparición destas avespas prexudiciais para o ecosistema   


O equipo de voluntarios destinado ao control destes insectos no Rosal realizaron o ano pasado máis de 130 intervencións ao longo do ano pasado
Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal  

 O Concello continúa coa súa loita contra a avespa velutina. O equipo de persoas voluntarias destinado ao control destes insectos no Rosal realizaron o ano pasado máis de 130 intervencións ao longo do ano pasado, actuacións fundamentais para preservar o equilibrio no ecosistema, a biodiversidade e a calidade de vida de rosaleiros e rosaleiras. 

 A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, destaca “a importancia do traballo que desenvolven estes voluntarios e voluntarias, un labor encomiable que vai máis alá da simple retirada de niños destas avespas invasoras. A súa actividade é esencial para manter o equilibrio ecolóxico e para garantir a seguridade e a tranquilidade dos nosos veciños e veciñas”. 

 A pesar de que a retirada de niños de velutinas e calquera incidencia relacionada con esta especie invasora é de competencia autonómica, “dende o Goberno municipal saliéntase que os servizos ofrecidos dende a Xunta son insuficientes para controlar estas avespas”. Grazas á colaboración deste equipo de persoas voluntarias, o Concello pode dar resposta dun xeito especialmente áxil a calquera aparición de velutinas “para conservar así o equilibrio, a sostibilidade, a calidade de vida e a produción agrícola no Rosal”. 

 As persoas que detecten un niño de avespas velutinas poden poñelo en coñecemento das autoridades chamando ao 629 41 90 75 ou ao teléfono do Concello 986 62 50 00, solicitando falar co departamento de Medio Ambiente. Agora é o momento no que están comezando a criar estas avespas e a crear os seus niños primarios, polo que é moi importante que todas as persoas que detecten un dean aviso o antes posible. 

 Lémbrase á veciñanza que en caso de atopar un niño deben afastarse del, xa que as picaduras destas avespas poden ser perigosas. As velutinas, ademais, exterminan totalmente ás abellas, un dos insectos que máis beneficia ao medio ambiente polo seu papel como polinizador. 

 Dende o Concello quere agradecerse o compromiso, o esforzo desinteresado e o labor que desenvolve este equipo de apicultores voluntarios que cada ano loitan por colocar trampas e retirar os niños de avespa velutina que se detectan no municipio, colaborando así a promover a protección da nosa contorna natural.

Ningún comentario:

Publicar un comentario