18 de abr. de 2024

O ROSAL

O Concello promove a creación dunha Mesa por Palestina  

 Trátase dunha iniciativa na que colaboran diferentes persoas e asociacións e que celebrará a súa primeira actividades este domingo 21 participando na Feira do Libro de Segunda Man    




Infogauda / O Rosal

 O Concello do Rosal vén de dar un paso importante a prol da solidariedade co pobo palestino coa creación dunha Mesa por Palestina, unha iniciativa na que colaboran diferentes persoas e asociacións do municipio, como o Colectivo Carballas e Pallasos en rebeldía, e que busca “facer a nosa pequena contribución para axudar a todas as persoas afectadas pola actual situación de conflito e violencia”. 

 A primeira actividade desta mesa solidaria será este domingo 21 de abril coa participación na Feira do Libro de Segunda Man que se celebrará na Praza do Calvario de 11.00 a 20.00 horas de xeito ininterrompido. A mesa contará na feira cun posto co que recadar diñeiro que será destinado a asociacións como Pallasos en rebeldía que traballan directamente en Palestina. 

 Ademais dun peto para donativos, no posto estarán á venda libros doados pola ONG Ponte Solidario, por Condado por Palestina, por Chambo Libris e por outras entidades e particulares, así como unhas chapas solidarias elaboradas por membros da asociación San Xerome Emiliani.  

 O Concello quere agradecer a colaboración de todas estas entidades e persoas por achegar o seu gran de area “nun momento no que é fundamental o noso total apoio e solidariedade co pobo palestino”. O Concello do Rosal amosa ademais unha vez máis a súa total repulsa ao xenocidio que está a acontecer e comprométese a seguir traballando en iniciativas que promovan a paz e a solidariedade. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario