A Xunta de Galicia avanza na execución das novas medidas para frear a expansión da avespa velutina incidindo no trampeo xeolocalizado e na divulgación á poboación
Neste contexto, estanse a desenvolver charlas informativas enfocada á veciñanza, como a celebrada no municipio pontevedrés de Pazos de Borbén
Foto: X.G.
Infogauda / Santiago de Compostela
A Xunta avanza no desenvolvemento de novas iniciativas activadas este ano para frear a expansión da velutina en Galicia. Estas medidas artéllanse en catro eixos -retirada de niños primarios, trampeo selectivo, formación, información e divulgación e investigación-, que se desenvolverán ao longo de todo o ano no conxunto do territorio da nosa comunidade.
Nesta liña, xa se están a celebrar charlas dirixidas á poboación en xeral para sensibilizar e concienciar sobre esta problemática, caso da organizada recentemente no municipio pontevedrés de Pazos de Borbén. Este labor de divulgación complementa os traballos sobre o terreo, mediante a retirada de niños primarios -xa iniciado en febreiro- e o trampeo selectivo, planificado e coordinado, que se está a implementar de xeito simultáneo nas catro provincias -o traballo iniciouse nas provincias da Coruña e Pontevedra e esta mesma semana sumáronse Lugo e Ourense-.
O trampeo é xeolocalizado e na súa instalación tense en conta a análise dos datos do 2023, para potenciar a súa efectividade. Fanse a través dun operativo de trampeo coordinado no que participa persoal da empresa pública Seaga ou traballadores do Servizo de Prevención e Defensa contra incendios da Xunta, que se unen ao dispositivo tras recibir a formación específica necesaria.
Este é un proceso aberto que atende aos máis rigorosos criterios técnicos e científicos, e ten en conta a análise dos datos recollidos en 2023 co obxectivo de potenciar a súa eficacia e abarcar a totalidade do territorio galego.
Neste sentido, o Goberno autonómico está en conversas con concellos e mancomunidades para reforzar a coordinación deste proceso.
Captura das raíñas
O dispositivo de trampeo responde a unha das principais demandas do sector apícola e faise un seguimento da evolución da presenza da velutina a través do rexistro dos datos na aplicación informática Contravelutina. A información recompilada será avaliada de xeito continuado por un grupo de técnicos especializados e grazas aos resultados obtidos poderán tomarse medidas correctoras que melloren a eficacia deste sistema.
Os traballos de trampeo céntranse actualmente na captura de raíñas que ao comezo da primavera saen na procura de alimento e a construír os primeiros niños. Máis adiante, nos meses de outono e inverno, enfocaranse á captura de machos e de novas raíñas que emerxen dos niños secundarios. Tamén se realizará un trampeo selectivo nas abellarizas en canto aparezan os primeiros abáboros. Ademais, dentro da nova batería de medidas está o impulso á investigación científica para coñecer en maior profundidade o comportamento da velutina e frear con máis eficacia a súa propagación.
Renovación da encomenda a Seaga para a retirada de niños en toda Galicia
O Goberno autonómico renovou por quinto ano consecutivo a encomenda a Seaga para a execución do programa galego de vixilancia e control fronte a avespa velutina acordado no 2020 entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), e que como novidade, este ano conta coa adhesión por vez primeira dos 313 concellos galegos.
Con este acordo, a Xunta ofrece unha solución homoxénea, centralizada e coordinada cos concellos para a eliminación e retirada de niños desta especie a través do equipo de Seaga, que conta cun equipo encargado de organizar aos efectivos de intervención, que foron reforzados polo Goberno autonómico coa dotación de material e medios necesarios para esta actividade -dende pértegas e equipos de protección individual ata material informático-, ademais de contar coa formación específica necesaria.
A poboación pode notificar na liña específica do Teléfono de Atención e Información á Cidadanía 012 -operativa as 24 horas do día e os 365 días do ano- a detección dun niño de velutinas ou alertar da súa presenza, sendo posteriormente informadas a través dun servizo de comunicación vía SMS da resolución do aviso por parte da Xunta, que vén implantando nos últimos anos novas tecnoloxías para habilitar formas de contacto alternativas, como a app Contravelutina, na que ademais de incluír os datos do trampeo é empregada por Seaga para xestionar os avisos -introducindo en tempo real os datos de xeolocalización e fotografías do niño, as observacións de cada caso e o resultado final-.
Ningún comentario:
Publicar un comentario