9 de abr. de 2024

A GUARDA

O GRUPO LIROLAI VAI PRESENTAR UN VIDEOCLIP

 O sábado 13 de abril, ás 20:30 horas, no salón de plenos do Concello de A Guarda




Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 Logo dun inverno con tantas e sucesivas borrascas, con forte temporal de vento e moito mar, que nos relembraron tempos crús de outrora; esta primavera preguiceira que estamos estreando víunos cunha boa nova: o Grupo Lirolai, do Rosal, presentará un video clip de "Canción do mariñeiro".

 "Canción do mariñeiro" é o título dun poema da autoría do escritor, poeta e xornalista Manuel Álvarez Rivero - Manuel da Ventosela, no ámbito literario -, natural de Novás, ao que púxolle música Celso Diego Martínez, director de Lirolai.

 A estrea será o vindeiro sábado día 13 de abril de 2024, ás 20:30 horas, no salón de plenos do Concello de A Guarda.

 Que a presentación oficial vaia ser na vila guardesa - aparte de ser en sí mesma, un fermoso xesto, digno de agradecer - ten tamén súa razón de ser. En primeiro lugar, porque así o decidiron ás persoas que integran o Grupo Lirolai, algunhas das cales, son guardesas de nación e de corazón. E tamén, porque no mar - a bordo do volanteiro "Piueiro" - e na badía de A Guarda foi realizada a gravación dese traballo no que tanta ilusión puxeron todas as mulleres e homes que forman parte de Lirolai.

 Vai ser unha magnífica oportunidade para gozar coas imaxes, os sons, as músicas e as voces de Lirolai. Un grupo de música tradicional - con máis de tres lustros de intensa actividade - que leva no seu ADN aires de aquén e alén Miño. Notas de acordeón, clarinete, gaitas, percusión,..., armando cantos de rúa, de taberna,..., temas de autor e tamén populares, de onte, de hoxe e de sempre. De todo iso e da brillante singradura do grupo dan boa proba seus traballos discográficos Lirolai De Vila en Vila.

 Hai, pois, moitas razóns para non perderse á presentación do videoclip de Lirolai.

Ningún comentario:

Publicar un comentario