A Guarda tinguirase de cores coa celebración da Color Rain Festival
• O evento impulsado polo Concello de A Guarda celebrarase o próximo 29 de xuño e promete sacar o mellor dos sorrisos sumándolle ademais valor co seu carácter solidario
Infogauda / A Guarda
Como xa avanzamos neste xornal dixital transfronteirizo, na edición de onte, A Guarda acollerá o próximo 29 de xuño a Color Rain Festival, evento de carácter lúdico – deportivo no que se fusionan deporte e diversión. A proba deportiva contará cunha amplia zona de animación, na que as persoas participantes poderán gozar da música con zonas DJ, zumba, dinamización a través de animador e moitas máis sorpresas.
Ademais de toda esta diversión, a Color Rain Festival terá unha cara solidaria a favor do proxecto FoGaReS SaNXe, impulsado pola Asociación San Xerome Emiliani.
Para gozar ao máximo do evento só son precisos dous requisitos, vestir de branco na liña de saída, co dorsal e a camiseta conmemorativa do evento e unirse á explosión de cor para rematar totalmente cheos de cores e co mellor dos sorrisos.
No evento poderán participar todas aquelas persoas maiores de 12 anos que o desexen, a condición de que estean correctamente inscritas en tempo e forma, para poder formar parte da competición. Establécese unha soa categoría individual, tanto masculina como feminina e outra de grupo.
Para as crianzas entre os 6 e 11 anos (ambos inclusive), poderán participar fóra da competición — con inscricións gratuítas— sempre e cando estean correctamente rexistradas e asistan acompañados dunha persoa adulta, que deberá realizar a súa inscrición no evento.
A solidariedade tamén formará parte da Color Rain A Guarda a favor do proxecto FoGaReS SaNXe, impulsado pola Asociación San Xerome Emiliani,a través dá cal se crearán 30 vivendas destinadas á emancipación de 60 persoas con diversidade intelectual no antigo colexio das Carmelitas. O edificio contará con todos os servizos necesarios e apoios profesionais para que os usuarios da comarca do Baixo Miño establezan unha nova vida independente e segura. Para iso, de cada inscrición destinarase un euro a esta causa, ademais de abrirse unha fila cero para todas as persoas interesadas que non poidan participar e desexan apoiar a causa.
As inscricións abriranse o próximo mércores 17 de abril cun prezo promocional de 10 euros ata o 31 de maio na súa páxina web.
Ningún comentario:
Publicar un comentario