A Oficina de Turismo, a praia do Forte (Camposancos) e 10 establecementos turísticos de A Guarda
• Renovan o compromiso coa calidade turística SICTED
Foto: C.A.G.
Infogauda / A Guarda
O Concello de A Guarda vén de facer público que o pasado mércores celebrouse no Hotel Pazo Los Escudos, de Vigo, a Gala Anual de Turismo da Deputación de Pontevedra, evento para recoñecer a importancia do sector turístico da provincia e onde se fixo entrega dos distintivos SICTED (Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destino).
No devandito acto estivo presente o alcalde de A Guarda, Roberto José Álvarez Carrero, e unha representación dos establecementos da vila que tamén renovaron o seu distintivo.
O Concello de A Guarda forma parte do destino turístico “Provincia de Pontevedra-Rías Baixas” e leva traballando dende o 2009 na implantación do distintivo SICTED coa Oficina de Turismo e a praia do Forte (Camposancos), recollendo o seu diploma da renovación.
Actualmente no concello de A Guarda hai 10 establecementos turísticos xa distinguidos e que seguen renovando e apostando polo compromiso da calidade no seu servizo:
Aloxamentos:
Albergue O Peirao, Camping Santa Tecla, Hotel Apartamentos Marouco, e Hotel Vila da Guarda.
Restaurantes:
Arruaz, Casa de la Abuela, The Celtic Harp, O Cangrexal e Xantar.
Bar:
La Botica.
Sobre o distintivo
A Deputación de Pontevedra financia este proxecto na súa totalidade: adhesión, formación, implantación e avaliación. Ademais a Xunta puntúa este distintivo de calidade na valoración de méritos de axudas e subvencións.
O SICTED é un proxecto de mellora da calidade dos destinos turísticos promovido pola Secretaría de Estado de Turismo e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). Traballa con empresas e servizos de ata 37 oficios diferentes co obxectivo de mellorar a experiencia e a satisfacción dos e das turistas. Para logralo, o sistema ofrece ás empresas e servizos adheridos un plan de formación, asistencia técnica, obradoiros, grupos de traballo e manuais de boas prácticas.
A obtención do distintivo SICTED implica o cumprimento dos requisitos fixados, e da conta do esforzo e o compromiso coa calidade e a mellora continua, á vez que distingue ao establecemento fronte á competencia. O certificado ten validez bienal, aínda que precisa dunha avaliación anual de seguimento.
Ata xuño está aberto o prazo de adhesión ao proxecto SICTED para este 2024 polo que si algunha empresa ou servizo está interesada pode contactar coa Oficina de Turismo de A Guarda.
Ningún comentario:
Publicar un comentario