19 de abr. de 2024

DEPORTES

BALONMAN FEMININO

O Mecalia Atlético Guardés arrincará a eliminatoria cunha proba de nivel ante o Porriño 

 O partido terá lugar este domingo (12:30 horas) no Pavillón Municipal da Sangriña 

 O Mecalia Atlético Guardés deberá gañar para partir con vantaxe na eliminatoria 




Redacción Deportes / A Guarda

 Comeza a eliminatoria polo título da liga Guerreiras Iberdrola e o Mecalia Atlético Guardés volverá verse as caras co Conservas Orbe Rubensa Balonmán Porriño, pouco máis dun mes despois de enfrontarse na xornada 21. A Sangriña acollerá, esta vez, o partido de ida dos cuartos de final da eliminatoria. Un novo derbi galego, de altísimo nivel, esixencia e complexidade, que terá lugar o domingo ás 12:30 horas.  

 Gañar na casa é imperativo para manter moi vivas as opcións de continuar na eliminatoria, que estrea este ano un novo formato. Pasará de rolda o equipo que gañe ambos os dous envites. No caso de que as vitorias se repartan ou haxa dous empates, no segundo partido terá lugar unha prórroga e unha quenda de sete metros no que se decidirá que equipo é o vencedor.  

 As xogadoras do Baixo Miño buscan empezar esta fase con bo pé vencendo en casa, sumando así un triunfo como o que conseguiron a última vez que se enfrontaron no seu feudo ás porriñesas (29-23). No que vai de curso, o conxunto de A Guarda soamente perdeu un encontro ante o Conservas Orbe dos cinco partidos nos que se enfrontaron.  

 O choque deste domingo promete doses altas de adrenalina e emoción. Nos detalles poderá estar a clave para que un ou outro equipo fágase coa vitoria. O que está claro é que a afección seguirá sendo clave para inxectar enerxía ao conxunto miñoto pilotado por Cristina Cabeza, que contará con todas as súas xogadoras para este derbi.  

Cristina Cabeza: “Esperemos que o noso público volva levarnos polo aire” 

 Cristina Cabeza prevé un duelo “moi complicado”. “Vai ser o sexto partido que xoguemos esta tempada contra o Porriño, coñecémonos moi ben. Seguramente se decida para un ou para outro, por pequenos detalles”, engade. A adestradora madrileña sinala que o equipo chega “en moi boas condicións”, pero recoñece tamén  que “Porriño fixo un final de tempada moi bo”. 

 Unha das claves neste partido de ida dos cuartos de final da eliminatoria é o empuxe da afección. Así o explica a preparadora: “Temos o factor cancha no primeiro partido e se o gañamos elas van ter moita presión no segundo, así que imos ter que facer un sobreesforzo para tentar conseguir a vitoria e deixarlles a elas esa presión no partido de volta”. Cabeza confía en que “o noso público volva levarnos polo aire como así foi durante toda a tempada”.  

AXENDA  

Liga Guerreiras Iberdrola – Partido de ida, cuartos de final da eliminatoria. 

Mecalia Atlético Guardés – Conservas Orbe Rubensa BM Porriño. 

Domingo, 21 de abril, ás 12:30 horas, no Pavillón Municipal| A Sangriña.

En directo, pola TVG2.

Ningún comentario:

Publicar un comentario