19 de abr. de 2024

DEPORTES

BALONMAN FEMININO

María Palomo e o Mecalia Atlético Guardés manteñen unidos os seus camiños unha tempada máis 

• A pivote madrileña cumprirá o seu segundo ano no club 

 Xogadora clave durante este curso, proxecta seguir séndoo para o proxecto de 2024/25 


María Palomo
Foto: M.A.G.

Redacción Deportes / A Guarda

 María Palomo selou a súa renovación para continuar no Mecalia Atlético Guardés o próximo curso, a súa segunda tempada no club, na que proxecta continuar sendo unha figura crave achegando dinamismo e capacidade para adaptarse en cada xogada.    

 A pivote de 22 anos está a ser unha peza fundamental no esquema do conxunto do Baixo Miño. Ata o momento, xogou todos os partidos da liga regular, na que acumulou un total de 66 goles, o que a converte na terceira máxima anotadora do persoal. Así mesmo, está a deixar grandes sensacións no centro do 6.0 defensivo. Tal foi a súa contribución ao equipo nas dúas áreas que chamou a atención do seleccionador nacional Ambros Martín, quen a convocou para a concentración das Guerreiras, en Pinto (Madrid) o pasado mes de marzo.  

 Palomo convértese así na sexta xogadora en asegurar a súa continuidade de fronte ao próximo curso, tras as renovacións de Míriam Sempere, Ania Ramos, María Sancha, Cristina Cifuentes e África Sempere.  

María Palomo: “Estou moi contenta coa renovación, con que quixesen contar comigo para o ano que vén e continuar co proxecto” 

 María Palomo móstrase moi feliz de seguir na Guarda e da confianza que o club depositou nela. Nas súas palabras: “Estou moi contenta coa renovación, con que quixesen contar comigo para o ano que vén e continuar co proxecto”.  

 En referencia a presente campaña, a pivote expresa que foi “moi positiva”, aínda que recoñece tamén a dificultade dos comezos nun equipo tan renovado. Neste sentido, a madrileña confesa que ao principio “custou un pouco”. A pesar diso, sinala que se logrou “facer un bloque rápido e coñecernos mellor unas a outras”, o que influíu tamén na súa decisión de continuar. “As aspiracións para o ano que vén son moi altas”, engade.  

 Para o que resta de tempada, as súas palabras revelan ambición e con moita ilusión. A xogadora sinala que entrar na eliminatoria de liga como quintas clasificadas “é unha moi boa posición”. Con todo, é consciente da esixencia do partido desta fin de semana contra o Porriño: “Creo que vai ser un partido duro, pero penso que podemos sacalo con toda a xente que temos detrás”. Para ela, a afección é “o motor do equipo e os que axudan a sacar os partidos”.  

 Con vistas á Copa da Raíña, Palomo sostén a importancia de facer “un bo papel”. A madrileña sabe que é unha competición que “á xente da Guarda gústalle moitísimo” e valora que iso “motivará ao equipo para facer un bo papel”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario