26 de mar. de 2024

GALICIA

A Xunta de Galicia envía ao Goberno un total de 16 alegacións ao Real Decreto que regula a eólica mariña e as enerxías do mar 

 Na súa elaboración tivéronse en conta as propostas realizadas polos sectores pesqueiro e industrial, ademais de varios promotores, no marco do traballo do Observatorio da eólica mariña de Galicia


Foto: X.G.


Infogauda / Santiago de Compostela

 A Xunta de Galicia presentou onte as súas alegacións ao Real Decreto polo que se regula a produción de enerxía eléctrica en instalacións situadas no mar, presentado o pasado mes de febreiro polo Goberno central.  

 Son un total de 16 propostas que se elaboraron tendo en conta as presentadas polos sectores pesqueiro e industrial, así como por parte de varios promotores e no marco do traballo que se vén realizando no Observatorio da eólica mariña de Galicia que se reuniu, por este motivo, o pasado 8 de marzo. “Isto é o que pedimos ao Goberno central, que conte co sector primario que ten tanta importancia en Galicia, este desenvolvemento pode facerse con diálogo e sentido común”, destacou hoxe a conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana.  

 Segundo explicou, para Galicia hai tres cuestións básicas que se deben incluír nesta normativa. Por unha banda, o proceso de diálogo público-privado neste procedemento debe ser obrigatorio e non opcional. En segundo lugar, é preciso que a orde pola que se vaia regular a convocatoria de concorrencia competitiva ten que incluír medidas compensatorias para os sectores afectados. Por último, a valoración dos criterios non económicos dos proxectos (como a maior compatibilidade co medio mariño, ou as menores afeccións ao sector pesqueiro) ten que supoñer un 50 %, polo menos, da ponderación total, fronte ao máximo do 30 % recollido actualmente no proxecto de Real decreto.  

 Ademais destes aspectos, entre as alegacións presentadas, destaca a petición de que o prezo de reserva sexa sempre público (para achegar transparencia); que na comisión técnica de valoración participen expertos do Instituto Español de Oceanografía; a inclusión dun mecanismo de revisión e actualización tanto dos prezos ofertados como das medidas compensatorias; ou que se especifique cando comezan a contabilizarse os prazos de concesión.  

 Deste xeito, Galicia ratifica a súa postura de apoio ao desenvolvemento da enerxía eólica mariña sempre garantindo a compatibilidade cos recursos pesqueiros, co medio mariño e co medio ambiente, e incidindo na repercusión dos beneficios sociais e económicos que se teñen que quedar no territorio.

Ningún comentario:

Publicar un comentario