21 de mar. de 2024

CULTURA

Rueda inaugura a exposición Tesouros Reais, que trae a Galicia, como destino único en España, obras do Museo Terra Santa de Xerusalén 

 A mostra, que se poderá visitar desde mañá e ata o 4 de agosto, reúne pezas que as casas reais católicas foron doando durante 500 anos


O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, inaugurou hoxe a exposición Tesouros Reais. Obras mestras do Terra Sancta Museum no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura

Foto: X.G.


Infogauda / Santiago de Compostela 

 O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, inaugurou hoxe a exposición Tesouros Reais. Obras mestras do Terra Sancta Museum, no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura. Será a primeira vez que estas pezas se expoñan en España e, ademais, Galicia será o único destino nacional no que se poderá visitar. 

 A exposición é unha mostra internacional na que se exporá parte do tesouro artístico do Terra Sancta Museum de Xerusalén, sendo a maior parte desta colección doazóns que as casas reais católicas europeas foron facendo ao longo de 500 anos. Ademais, a exposición complétase cunha escolma de pezas do Museu Calouste Gulbenkian de Lisboa, que tamén colabora na iniciativa; e con obras doutras institucións galegas e portuguesas. 

 Polo tanto, os visitantes que se acheguen -desde mañá e ata o 4 de agosto- poderán coñecer importantes producións da arte europea e sacra, o que lles permitirá facer un percorrido pola historia, así como comprender mellor o impacto da cristiandade en Xerusalén. 

 Neste sentido, Rueda salientou que esta exposición tamén vén a poñer en valor o nexo de unión entre Santiago de Compostela e Xerusalén como dúas das cidades santas da cristiandade, xunto a Roma. 

 O presidente da Xunta en funcións subliñou a importancia de iniciativas culturais deste calado que “merecen moitísimo a pena” e animou a todas as persoas a visitar a exposición para “aproveitar esta oportunidade que probablemente non se vai a repetir na vida”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario