21 de mar. de 2024

BAIONA

O sbdelegado do Goberno visitou hoxe Parador de Baiona 

Abel Losada destaca a aposta decidida do Goberno polo turismo de Baiona coa reforma do conxunto monumental do Parador cun investimento de máis de 7 M€  

 As obras terán como eixo central a restauración da Torre da Tenaza, da contorna da casa de Pedro Madruga e do sector do Pozo, e doutros elementos como a cuberta e bóveda de recepción, a ermida, a muralla e o paseo de ronda 

• O ministerio reserva tamén case 400.000 euros para a elaboración do plan director do establecemento hoteleiro 

 O subdelegado destaca que o investimento comprometido polo Goberno desde o 2018 para a mellora do turismo en Baiona acada case os 10 millóns de euros  


O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, visitou hoxe o Parador de Baiona
Foto: S. de G.

Infogauda / Baiona 

 O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, visitou hoxe o Parador de Baiona para coñecer de primeira man as obras de reforma que o Ministerio de Industria e Turismo acometerá no edificio. “Unhas obras moi agardadas e que serán unha realidade grazas ao compromiso do Goberno de Pedro Sánchez co turismo de Baiona e de toda Pontevedra”, subliñou. 

 As obras de restauración que TURESPAÑA vén de licitar por un importe de 6.645.138,86 € enmárcanse no Plan de Inversións de TURESPAÑA e Paradores, que prevé a actuación en 39 Paradores situados en edificios ou contornas declaradas como Ben de Interese Cultural (BIC).  Así mesmo, este Plan de Inversións tamén contempla a redacción de plans directores de conservación para 53 paradores considerados BIC, entre os que se atopa Baiona. O importe de ambas inversións, que se realizan ao abeiro do abeiro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno, acada os 7.044.442 de euros. 

 Tal e como explicou o subdelegado, estas obras para a conservación e posta en valor do conxunto monumental do Parador permitirán restaurar e mellorar a capela, a cuberta e as bóvedas da recepción así como poñer en valor a muralla e o paseo de ronda e, máis en concreto, os seus arcos de acceso, a porta de Felipe IV, as torres da Tenaza, o acceso á zona do pozo e a contorna da Casa de Pedro Madruga, así como a iluminación integral dos dous quilómetros de recinto amurallado. O prazo de licitación destas importantes actuacións na infraestrutura hostaleira pechará o próximo 2 de abril e a súa adxudicación está prevista para finais do verán. Terán un prazo máximo de execución de 15 meses. 

 Así mesmo, o Ministerio reserva 399.303,82 € para a redacción do plan director do Parador de Baiona. A elaboración deste documento técnico permitirá coñecer mellor o edificio e analizar os seus usos actuais para así debuxar a futura folla de ruta para a súa conservación. A inversión enmárcase nun proceso de licitación que contempla tamén a elaboración de dous plans directores máis na provincia, os do Parador de Pontevedra e Cambados. “En total, o Goberno destinará máis 618 mil euros para que tres paradores da provincia conten cun documento técnico que guíe as súas actuacións futuras”, explicou Losada. Todos os plans directores deberán estar rematados antes de xuño de 2026. 

 O subdelegado lembrou que o investimento comprometido polo Goberno desde o 2018 para a mellora do turismo en Baiona acada case os 10 millóns de euros. Neste sentido, lembrou os máis de 331 mil euros que o Goberno investiu xa nas obras de renovación e instalación de iluminación exterior do Parador e os 2 millóns de euros que recibiu o municipio para o desenvolvemento do seu Plan de Sostibilidade Turística.  

 O subdelegado incidiu na importancia destas obras, “moi demandadas e fundamentais porque supoñen unha mellora substancial nas condicións dun aloxamento clave nun dos municipios más turísticos de Galicia, o que permitirá seguir atraendo turismo, emprego e actividade económica a Baiona e a provincia”. Así mesmo, Losada destacou o empeño do Goberno en avanzar cara un modelo turístico sostible e de maior calidade. “É un esforzo sen precedentes a través do que se deseña o futuro do turismo galego, co obxectivo de facer da nosa terra un destino sostible, competitivo e de primeiro nivel”, engadiu. 

Un pouco de historia 

 O Parador de Baiona sitúase na antiga vila fortificada fundada en 1.497 polos Reis Católicos e está cualificado como Ben de Interese Cultural. As ruínas do inmoble foron mercadas no século XIX polo marqués do Pazo da Mercé, que construíu un palacio neogótico, declarado Monumento Nacional en 1950. Entre 1963 e 1966 reformouse para albergar o actual parador.

Ningún comentario:

Publicar un comentario