Este sábado, 24 de febreiro, manifestación en Vigo en defensa do transporte público e por un convenio digno para o persoal de Vitrasa
• Convócana CCOO, CIG, UGT e sairá da praza de España de Vigo ás 18:30 horas, por un convenio digno e en defensa do transporte público.
As direccións de CCOO, CIG, UGT e USO anunciaron en conferencia de prensa a próxima mobilización do persoal que traballa en VITRASA e convidan o movemento social e as persoas usuarias do servizo a participar na manifestación.
Este conflito, que xa leva enquistado demasiado tempo, está a xerar entre os traballadores e traballadoras unha grande inquedanza, tanto no plano laboral como no persoal e familiar. CCOO insta o Concello de Vigo a desbloquear o conflito de VITRASA, tendo en conta que o persoal da concesionaria leva máis de oitenta días en folga indefinida.
É deplorable a actitude da empresa, que se nega a acceder de forma negociada ás reivindicacións das persoas traballadoras, nunha clara estratexia de trasladar este conflito —e, sobre todo, as súas consecuencias— aos usuarios e usuarias do servizo público. O obxectivo é claro: que a opinión pública tome postura contra o persoal de Vitrasa, facéndoo exclusiva e inxustamente responsable da situación.
Comisións Obreiras, xunto ao comité de empresa, segue apostando pola vía da negociación; Mobility ADO —matriz de Vitrasa—, pola vía da imposición; e o Concello, pola inacción. Isto fai prever a continuidade da conflitividade en Vitrasa ao longo do ano, o que sen dúbida afectará a vida da cidade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario