23 de feb. de 2024

TOMIÑO

A tomiñesa Verónica Fernández gaña o concurso de deseño do Día de Rosalía  

 A imaxe estampouse en bolsas de tea que se repartirán ata fin de existencias durante o concerto-homenaxe á autora este mesmo 23 de febreiro no Mercado de Tomiño  



Esta é a proposta gañadora do concurso de deseño posto en marcha polo Concello de Tomiño para conmemorar o Día de Rosalía, unha fermosa obra realizada pola tomiñesa Verónica Fernández González

Infogauda / Tomiño  

 Un incrible debuxo en branco e negro da propia Rosalía de Castro rodeada de música e enmarcada nunha Galicia perfilada polas súas obras e as súas verbas. Esa é a proposta gañadora do concurso de deseño posto en marcha polo Concello de Tomiño para conmemorar o Día de Rosalía, unha fermosa obra realizada pola tomiñesa Verónica Fernández González inspirada na obra e figura da autora galega máis universal e que obtivo ata 23 puntos do xurado. 

 Apaixonada da escritora galega e da poesía dende que era pequena, Verónica Fernández inspirouse “no gran cariño que Rosalía lle tiña a Galicia. Na súa obra fala de lugares, das xentes, da cultura e da vida cotiá, por iso tentei representala rodeada das verbas que recollen os seus poemas cun libro nas mans co seu propio nome que representara a obra que nos deixou como legado”. Desbotando unha primeira idea de sentar á escritora “sobre un carballo representando as nosas raíces”, Verónica colocou  tamén arredor de Rosalía de notas que recolleran “a paixón e tradición pola música na nosa terra”. 


Verónica Fernández González, autora da proposta gañadora  do concurso de deseño posto en marcha polo Concello de Tomiño para conmemorar o Día de Rosalía

 A gañadora, veciña de Taborda, obtivo un vale por valor de 100 euros que xa ten pensado investir en novos libros “de todos os tipos e algún da propia Rosalía que aínda non tiña”. Ademais, o deseño foi estampado en bolsas de tea que serán repartidas de balde ata fin de existencias durante o concerto homenaxe que se celebrará este mesmo 23 de febreiro a partir das 19.00 horas no Mercado de Tomiño e que contará coa lectura de poemas musicalizados da man de Saraghallada. 


Deseño de Iria Muñoz de Santiago

Deseño de Nandi de Santiago


 Entre as propostas finalistas, o segundo posto foi para un deseño tan divino como humano de Iria Muñoz de Santiago, coa figura de Rosalía de Castro e o lema ‘Nasin cando as prantas nasen’, mentres que o terceiro lugar foi por un primeiro plano co bosquexo do retrato da escritora sobre fondo azul e as palabras ‘Miña Terra’, de Nandi de Santiago. 

 A alcaldesa, Sandra González, traslada os seus parabéns á gañadora e agradece “a todas esas persoas que participaron coas súas fermosas e máis diversas propostas e que demostran unha vez máis que estamos nunha comarca con grandes creadores e creadoras no que a arte ten un valor importante”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario