16 de feb. de 2024

TOMIÑO

Tomiño leva investido 908.000 euros na mellora das instalacións das traídas de auga veciñais 

 Xunto coas axudas anuais para mantemento e a subvención das analíticas, o Concello realizou nos últimos sete anos obras de mellora da rede de abastecemento e captou fondos para actuacións de emerxencia  


Dende 2017, o Concello de Tomiño destinou máis de 575.000 euros ás subvencións ás traídas veciñais
Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño 

 O Concello de Tomiño renova ano a ano o seu compromiso coas traídas veciñais, que traballan de forma totalmente desinteresada para optimizar a xestión dun recurso tan importante como é a auga para o seu consumo. Por este motivo, nos últimos sete anos o Concello investiu máis de 908.000 euros tanto na posta en marcha de diferentes liñas de axuda para analíticas ou para o mantemento, así como na realización de diferentes obras de melloras na rede de abastecemento, entre outras actuacións.  

 “A súa capacidade de asociarse, o esforzo e o sacrificio para xestionar un ben común como é a auga é verdadeiramente exemplar. Dende o Concello levamos investido durante todos estes anos por convicción na xestión de traídas de auga veciñais, que sabemos que serven de exemplo a outros concellos”, resalta a alcaldesa, Sandra González.  

 As 36 comunidades de augas existentes na actualidade en Tomiño dan servizo a máis dun terzo dos veciños e veciñas. Dende 2017, o Concello destinou máis de 575.000 euros ás subvencións ás traídas veciñais que buscan, por un lado, financiar parte do custo das analíticas anuais e kits de cloración, dos medidores de cloro, da elaboración de protocolos sanitarios ou da alta no Sistema de Información Nacional de Augas de Consumo. Por outro lado, con estas axudas subvencionáronse tamén infraestruturas, como cloradores, recubrimentos de depósitos, decantadores, cerres de mananciais e casetas ou mesmo a instalación de placas solares ou o estudo para prototipos destinados a reducir o aluminio da auga.  

 Neste máis de medio millón de euros inclúense as accións levadas a cabo dende o 2019 en colaboración coa comunidade de usuarios de Sobrada para a mellora da rede de abastecemento, que supuxo un investimento de máis de 180.000 euros. Ademais, dedicáronse 80.000 euros á sinatura de diferentes convenios coa Asociación de Traídas de Augas de Pontevedra (COXAPO) e coas Comunidades de Usuarios de Augas (CUA) de Tomiño ou Goián no 2023. 

 Por outra banda, o ano pasado o Concello tamén captou 25.000 euros de fondos da Deputación de Pontevedra para actuacións de emerxencia para paliar a seca que se destinaron a estas traídas veciñais. Xunto a todos estes investimentos, dedicáronse outros 308.000 euros á realización de diversas obras nas comunidades de usuarios de augas.  

 Como salienta a alcaldesa, o Goberno municipal agradece o traballo constante das traídas de augas veciñais, así como o esforzo e labor de superación de COXAPO, que emprega todos os seus recursos na defensa de comunidades veciñais de augas tanto en Tomiño, onde ten sede, como a nivel nacional e internacional. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario