16 de feb. de 2024

TUI

Tui despedirá o Entroido, co Enterro do Bacallau

 Sairá o domingo 18 de febreiro, ás 19:30 horas, dende a praza de San Fernando, para rematar no aparcamento municipal


Co Enterro do Bacallau, Tui despedirá este domingo o Entroido
Foto: C.T.

Infogauda / Tui

 Tui prepárase para despedir este domingo o Entroido. Será co Enterro do Bacallau, que reunirá a máis de mil persoas participando activamente nunha festa que conta con gran tradición na cidade. Máis aló das persoas integrantes das doce comparsas que o martes participaron no Desfile-Concurso, son moitas outras as que neste día completamente vestidos de loito sumaranse á comitiva para acompañar ao bacallau. Son xa moitos os que dende primeira hora da mañá comezan a festa nas rúas de Tui, e participan en xantares protagonizados por pratos de bacallau.  

 O Enterro propiamente dito comezará ás 19:30 horas, na praza de San Fernando. A comparsa “Terra dos mil segredos”, da Asociación Cultural “O Borralliño”, de Soutelo (Salceda de Caselas), gañadora na categoría absoluta e na de carrozas no desfile do pasado martes, son os encargados da fabricación do Bacallau e serán os portadores. Na propia praza procederase á lectura das coplas, para logo iniciar o percorrido polas rúas Seixas, Porta da Pía, Ordóñez, Corredoira, Augusto González Besada, Ourense e aparcadoiro municipal, onde terá lugar a cerimonia de incineración para dar remate á festa.   

 Debido á celebración do Enterro do Bacallau o domingo de 10 a 22 horas, non se poderá estacionar no aparcamento municipal na traseira do edificio Francisco Sánchez.

Ningún comentario:

Publicar un comentario