29 de feb. de 2024

O ROSAL

O Rosal avanza na recuperación do seu patrimonio coa reforma Casa-Escola de Fornelos  

 O Concello saca a licitación a rehabilitación da planta baixa do inmoble con criterios de sostibilidade para convertelo en espazo de convivencia e lecer para a veciñanza   

 

Foto: C.O.R.


Infogauda / O Rosal  

 O Concello do Rosal continua avanzando na recuperación de espazos para a veciñanza. Neste camiño, o Goberno municipal vén de sacar a licitación a reforma do interior da planta baixa da Casa-Escola de Fornelos, un espazo de case 120 metros cadrados que deixou de ter uso como vivenda dos mestres e que actualmente se emprega como lugar de almacenaxe.  

 O obxectivo é, segundo explicou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, “continuar recuperando espazos con importante valor histórico e patrimonial para rosaleiros e rosaleiras ao tempo que damos un novo pulo á nosa estratexia de promover novos espazos de convivencia, estancia e lecer para toda a veciñanza”. O inmoble, construído en 1955, reformarase con criterios de sostibilidade e eficiencia enerxética para convertelo “nun lugar amable no que poida realizar actividades comunitarias toda a xuradía de Fornelos, dende as traídas de augas veciñais como as asociacións de veciños ou as comisións de festas, como a do Entroido”.  

 Cun importe de máis de 107.000 euros, o inmoble transformarase nun espazo polivalente que contará cunha zona de convivencia no que se poidan realizar todo tipo de actividades, unha sala de reunións, un aseo adaptado e un pequeno office. O Concello puxo en marcha xa no 2023 un proceso participativo para recoller as necesidades detectadas por veciñanza e tecido asociativo para incorporalas ao proxecto final.  

 “Seguimos construíndo O Rosal das persoas con novos lugares de encontro e lecer, zonas que nos permiten dar unha nova vida e recuperar inmobles con gran valor arquitectónico e patrimonial ao tempo que promovemos a sostibilidade en todos os edificios municipais”, recalcou a rexedora. O prazo de execución das obras será de 4 meses. As empresas e entidades interesadas poderán presentar a súa proposta ata o vindeiro 18 de marzo.

 O prazo de execución das obras será de 4 meses. As empresas e entidades interesadas poderán presentar a súa proposta ata o vindeiro 18 de marzo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario