16 de feb. de 2024

CULTURA

O audiovisual galego pon rumbo cara ao Festival de Málaga cunha decena de títulos e o apoio da Xunta na súa promoción  

 O director de Industrias Culturais reúnese cunha representación das películas As neves e Tratamos demasiado bien a las mujeres e do documental Aurora, que se estrean dentro das seccións a competición do certame 


O director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, Jacobo Sutil, reuniuse cunha representación das longametraxes galegas que terán a súa estrea nas seccións competitivas do Festival de Málaga
Foto: X.G.

Infogauda / Santiago de Compostela

 O director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, Jacobo Sutil, reuniuse cunha representación das longametraxes galegas que terán a súa estrea nas seccións competitivas do Festival de Málaga, que celebrará a súa 27ª edición do 1 ao 10 do vindeiro mes de marzo cunha decena de títulos galegos en exhibición.

 Ademais de As neves Tratamos demasiado bien a las mujeres, que optan á Biznaga de Ouro na sección oficial a concurso, e de Aurora e Salvaxe, salvaxe, seleccionadas na categoría de longas documentais, a representación galega esténdese a outros moitos apartados do certame con sete curtas, ademais de ao mercado profesional MAFIZ. Nel, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades volverá contar cun espazo propio desde o que se coordinarán diferentes accións de difusión do noso audiovisual, como reunións profesionais, proxeccións para axentes internacionais de venda e un evento promocional.

Producións subvencionadas

 Asistiron a esta xuntanza Sonia Méndez, directora e produtora de As neves; Julio Casal, de Ficción Producciones, á fronte de Tratamos demasiado bien a las mujeres, de Clara Bilbao, e Area Erina, directora de Aurora, xunto a Laura Doval en representación de Gaitafilmes. Tanto estes tres títulos como Salvaxe, salvaxe, de Emilio Fonseca e producido por Walkie Talkie Films, contaron con subvención da Xunta a través da convocatoria para a produción e coprodución audiovisual ou do fondo para a atracción de rodaxes do Hub Audiovisual de Galicia.

 Tamén dispuxo dunha axuda ao talento audiovisual galego a curtametraxe de Xacio Baño Platónica, platónico, de Redordelos, que compite na sección oficial de curtas documentais. En curtametraxes de ficción, foi seleccionada O fríode Pablo do Pazo, mentres que entre as de animación figurana recente gañadora dun premio Goya To Bird or Not To Bird, de Martín Romero, e Cafunè, de Lorena Ares e Carlos F. de Vigo, que xa na pasada edición do festival obtiveron a Biznaga de Prata por Amanece la noche más larga.

 A relación de títulos galegos complétase con Antes de que se poña o sol, curtametraxe de Nani Matos que se estrea dentro do apartado Afirmando los derechos de las mujeres, e Amas da terra, de Xisela Franco, na sección Cinema cocina.

 Ademais do apoio promocional ao sector para a súa participación nos principais eventos cinematográficos do circuíto internacional, a Xunta de Galicia acaba de abrir a  convocatoria anual de subvencións para a comercialización e difusión de proxectos e obras audiovisuais e videoxogos en foros de negocio especializados e eventos de cine celebrados fóra da Comunidade, segundo as bases publicadas hoxe no Diario Oficial de Galicia.

Incremento do 40% nas axudas á difusión e comercialización

 A través desta liña, o Goberno galego contribúe á internacionalización das producións galegas cofinanciando con 70.000 euros tanto os custos da asistencia de empresas a mercados e feiras internacionais de referencia como a promoción de filmes galegos seleccionados nalgún dos máis destacados festivais do circuíto estatal e internacional. A Xunta aumentou a dotación nun 40% con respecto ao lanzamento da convocatoria de 2023, ano no que tamén se incrementou o crédito final.

 Estas axudas están tamén dispoñibles para a decena de produtoras galegas desprazadas estes días a Berlín, onde están a participar no European Film Market que se desenvolve en paralelo á Berlinale. A Xunta conta alí cun espazo propio para lles dar apoio tanto loxístico como promocional baixo a marca Films from Galicia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario