20 de feb. de 2024

A GUARDA

O goberno do PP da Guarda non respecta sentencias xudiciais e prexudica á veciñanza evitando a apertura da Rúa Baixo Muro

O PP renuncia a executar a conexión das rúas Baixo Muro e Ireira 

Os populares non teñen en conta nin as sentencias xudiciais nin a veciñanza do casco histórico. 


A “conexión das rúas Baixo Muro e Ireira” continúa sen facerse realidade
Vista - dende á rúa Colón - do acceso á congostra cega



 Plano da obra proxectada para á conexión entre a rúa Baixo Muro e A Ireira, dándolle saída á congostra cega



Grupo municipal do PSdeG-PSOE / A Guarda

 Despois de anos de procedementos e xestións impulsados polo anterior alcalde da Guarda, o socialista Antonio Lomba; cando a “conexión das rúas Baixo Muro e Ireira” estaba a pique de executarse, o PP colleu o timón do concello guardés, e como está sucedendo con outras moitas xestións, os populares imposibilitaron tamén este proxecto. Neste caso renunciando a unha subvención da Deputación de 107.594,80 € destinada para este fin. 

 Xa se conseguira a aprobación, por unanimidade de todos os grupos políticos, da modificación puntual do PXOM da Guarda, que permitía a apertura desta conexión. 

 Xa se contaba cun proxecto con informe favorable de patrimonio, necesario pola súa proximidade á muralla medieval. 

 Xa se conseguira evitar a expropiación dos terreos necesarios para a apertura do vial, chegando a un acordo de compra coas persoas propietarias dos terreos, que eran unha particular e a Xunta de Galicia. 

 Xa se tiñan cartos para a adquisición dos terreos necesarios para o vial no orzamento, tanto no do 2023 como no do prorrogado de 2024. 

 Xa se contaba cunha subvención para a obra de 107.594,80 €, pero o goberno Guardés decidiu desistir da subvención e destinar estes cartos a outros fins. 

 A portavoz dos socialistas da Guarda, Fátima Rodríguez, explica a importancia e interese desta obra: “en primeiro lugar o concello está obrigado a dar cumprimento a dúas sentencias xudiciais firmes, relacionadas coa accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas da rúa Baixo Muro. Ademais, neste caso, a conexión das rúas mellora a asistencia ás persoas que viven naquela zona en casos de emerxencia; mellórase a prestación de servizos básicos como limpeza pública e recollida de lixo; convértese en accesible un dos elementos patrimoniais máis importantes da localidade como é a muralla medieval e ábrese un novo acceso máis cómodo e rápido á zona comercial para toda a veciñanza dos barrios do Muro, das Laxes e da súa contorna.” 

 O goberno Guardés, unha vez máis, da mostras da súa incapacidade para xestionar con solvencia subvencións xa concedidas e executar proxectos de interese para a nosa localidade. 

A Guarda, a 20 de febreiro de 2024.

Ningún comentario:

Publicar un comentario