11 de xan. de 2024

O ROSAL

O entroido asoma xa no Rosal  

 Aberta ata o 1 de febreiro a inscrición para o concurso de carrozas, comparsas, entroido tradicional, grupos e disfraces individuais  

 O desfile será o domingo 11 de febreiro ás 11.00 horas. Repartiranse 3.600 euros en premios

   

Imaxe da edición precedente do Entroido no Rosal
Foto: C.O.R.


Infogauda / O Rosal

 O Rosal xa ten a súa ollada posta no Entroido. O Concello vén de abrir o prazo de inscrición para participar un ano máis no concurso de carrozas, comparsas, entroido tradicional, grupos e disfraces individuais, con participantes que lucirán as súas creacións no desfile que se celebrará o domingo 11 de febreiro e que encherá de música, cor e mascaradas O Rosal.  

 O desfile percorrerá a rúa Xulio Sesto, dende a Rotonda da Feira e a rúa Ramón Franco ata o cruce coa Lomba. As persoas e asociacións interesadas en participar poderán inscribirse a través do Rexistro do Concello de forma presencial ou telemática ata o vindeiro 1 de febreiro. En caso de que a situación meteorolóxica sexa adversa, estudarase a posibilidade de aprazar ou cancelar o desfile. 

 Un ano máis, o concurso volverá contar cunha categoría coa que galardoar aos grupos que representen o entroido tradicional do Rosal e tamén haberá premios para as carrozas, formadas por un grupo mínimo de 6 persoas representando algún tema enriba dun elemento móbil, e para as comparsas, que deberán contar cun mínimo de 10 integrantes. Por outro lado, mantéñense as participacións para as categorías de grupos de entre 3 e 9 persoas e de disfraces individuais, que inclúe as modalidade de parella, infantil ata os 12 anos e xuvenil-adulto a partir dos 13. En total repartiranse 3.600 euros en premios entre os primeiros, segundos e terceiros postos de cada unha das categorías. 

 O xurado valorará a orixinalidade, creatividade e complementos do vestiario de cada carroza, comparsa, grupo e disfrace individual participante. Ademais, nas categorías de comparsas e carroza valorarase tamén a parodia ou a escenificación e a música que se empregue de acompañamento. 

 Xunto coa solicitude de inscrición, as persoas participantes deberán achegar ademais unha breve descrición dos disfraces que se presentan a concurso, unha fotocopia do DNI das persoas participantes maiores de idade, unha fotocopia do DNI da persoa representante e autorización no caso das e dos menores de idade e unha fotocopia do CIF e do DNI da persoa representante, no caso das asociacións. As persoas que non presenten solicitude no Rexistro Xeral tamén poderán participar no desfile, aínda que non terán opción a premio. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario