11 de xan. de 2024

O ROSAL

O Concello do Rosal vai renovar o seu parque móbil cun novo vehículo con plataforma elevadora  

 Motivo polo cal saca a licitación o subministro dunha grúa que permitirá mellorar servizos esenciais como o mantemento do alumeado público ou de vías e obras

   

Imaxe do actual vehículo con plataforma elevadora
Foto: C.O. R.


Infogauda / O Rosal

 O Concello do Rosal continúa coa actualización do parque móbil municipal. Neste camiño vén de abrir o proceso de contratación do subministro dun novo vehículo con plataforma elevadora que substitúa ao que se emprega na actualidade e que presenta o deterioro propio da súa antigüidade. A adquisición desta grúa sairá a licitación por 78.000 euros, que serán financiados con fondos propios do Concello.  

 “Esta contratación é un paso máis no traballo por renovar o parque móbil do Concello, incorporando novos vehículos ou actualizando aqueles que presentan un maior desgaste polo uso para mellorar a atención dos diferentes servizos públicos”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. Este novo vehículo con plataforma elevadora permitirá ademais “mellorar servizos esenciais para a veciñanza como son o mantemento do alumeado público ou de infraestruturas viarias e doutros equipamentos municipais”.  

 Esta grúa deberá contar cunha altura de 13,5 metros ou máis que permita o seu manexo para realizar traballos de difícil acceso, aos que as plataformas normais montadas en vehículos non poden chegar. “Terá case catro metros máis que a actual plataforma, o que nos permitirá chegar a practicamente todas as luminarias e realizar o seu mantemento con recursos municipais ao 100%”, recalca a rexedora. 

 Entre as especificacións, contémplase ademais que conte cun brazo articulado e telescópico que dote á plataforma dunha gran versatilidade para manobras que requiran superar obstáculos en altura. O vehículo deberá ter unha cesta fixada ao brazo de forma frontal, permitindo unha maior liberdade de movementos en altura e liberando o espazo debaixo do chan da cesta, normalmente ocupado polo brazo telescópico. Por outro lado, solicítase que sexa compacto, de ata 5,99 m de longo por 2,90 de alto, para permitir ao equipo un bo comportamento fóra da estrada e cun peso reducido que permita ao conxunto ter numerosas configuracións con importantes capacidades de carga. 

 As empresas e entidades interesadas poderán presentar as súas propostas ata o vindeiro martes 23 de xaneiro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario