4 de xan. de 2024

O ROSAL

O Rosal preserva e enaltece o seu patrimonio  

 Colocouse un panel informativo da Ponte do Tamuxe, e puxéronse en exposición tres retablos pertencentes a unhas almiñas de Tabagón  


Miguel Martínez Pérez, veciño de Tabagón, con Carlos Villanueva Domínguez, concelleiro de Cultura, Patrimonio, Sanidade e Transporte, xunto os retablos de petos de ánimas do Barrio da Cal

Fotos: C.O.R.

Infogauda / O Rosal

 O Rosal continua avanzando na recuperación e dignificación do seu patrimonio, apostando pola sinalización de lugares emblemáticos da localidade como o son a ponte do río Tamuxe ou mediante a exposición de tres retablos de petos de ánimas, elementos tradicionais e moi ligadas a historia e cultura local. 

 Neste sentido, o Concello do Rosal conseguiu unha subvención da Deputación de Pontevedra por importe de 6.636 euros dentro da liña de axudas para proxectos de rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico cultural.  

 No marco deste investimento, instalouse un novo panel informativo sobre a ponte do Tamuxe. Este panel ampliado proporciona información detallada sobre os elementos estructurais e a historia da ponte, ofrecendo a veciños e visitantes unha experiencia máis enriquecedora.  


Miguel Martínez e Carlos Villanueva, a carón do panel informativo dos tres retablos orixinais, expostos de maneira permanente, na nova casa da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de San Xoán de Tabagón

Un veciño do Barrio do Tamuxe, con Carlos Villanueva, xunto ao panel informativo 

 Outra das accións destacadas foi a restauración de tres retablos orixinais de madeira pertencentes a diferentes almiñas de Tabagón. Foi Miguel Martínez Pérez, veciño do barrio, quen hai anos impulsou esta actuación xa que era coñecedor da existencia destas pezas. Daquela, os retablos foron retirados e enviados ao Museo Provincial de Pontevedra para a súa restauración, mentres que nas almiñas colocáronse unhas réplicas feitas en resina. Agora os retablos orixinais exhíbense de maneira permanente na nova casa da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de San Xoán de Tabagón, xunto a un panel explicativo. “A mostra permanente é posible grazas a recuperación das pezas realizada no seu momento por Miguel, a quen amosámoslle o noso agradecemento. Deste xeito, xa forman parte do patrimonio material e colectivo de todos os rosaleiros”, destaca o concelleiro de cultura, Carlos Villanueva.  

 Os paneis instalados contan con códigos QR que permiten acceder á información tanto en castelán como en inglés. Un feito enriquecedor para todos aqueles interesados que queiran profundar no saber sobre a ponte do Tamuxe e os retablos de Tabagón.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario