14 de xan. de 2024

GALICIA

A Xunta de Galicia recolleu ata o momento na costa galega o equivalente a preto de 90 sacos de bólas de plástico perdidos polo mercante ‘Toconao’  

 Na xornada de onte o operativo retirou o equivalente a sete sacos, aos que se engade o que recuperou enteiro o helicóptero de Gardacostas de Galicia Pesca 2 na costa de Valdoviño 

 A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda fixo balance dos traballos ata onte do operativo despregado na comunidade 


O Executivo galego apela á colaboración da cidadanía para que notifique ao teléfono 112 calquera achado de residuos nas costas galegas

Foto: X.G.

Infogauda / Santiago de Compostela

 O dispositivo despregado nos últimos días pola Xunta nas praias e no mar para a recollida das bólas de plástico perdidas polo mercante Toconao en augas portuguesas permitiu recuperar ata o momento o equivalente a preto de 90 sacos. Así o destacou a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, ao realizar un balance dos resultados obtidos ata a xornada de onte. 

 De feito, os máis de 300 efectivos despregados polo Executivo galego nos areais recolleron onte o equivalente a sete sacos de bólas de plástico, aos que se suma o saco que retirou do mar o helicóptero do Servizo de Gardacostas Pesca 2 nas costas de Valdoviño (A Coruña). 

 Ángeles Vázquez detallou ademais que o operativo despregado hoxe pola costa galega está composto por máis de 300 efectivos, que están repartidos por 56 praias de 34 concellos. A eles engádense os medios mobilizados polo Servizo de Gardacostas de Galicia por mar: os helicópteros Pesca 1 e Pesca 2, as embarcacións de gran porte Sebastián de OcampoIrmáns García NodalRía de Vigo e Mar de Galicia e outras catro patrulleiras de menores dimensións. Mentres, a colaboración do Goberno central materialízase no despregamento dun helicóptero de Salvamento Marítimo. 

 A vicepresidenta segunda insistiu na importancia de “traballar no mar para tratar de recuperar os sacos enteiros e evitar que os milleiros de partículas que levan no seu interior acaben espalladas pola costa”, o que dificulta moito máis a súa recollida. Nesta liña, instou ao Executivo central a colaborar neste sentido e a mobilizar medios marítimos para minimizar na medida do posible a chegada de máis bólas á costa.

Protocolos

 A Xunta está a facer un seguimento constante da situación a través do Servizo de Gardacostas de Galicia en coordinación co 112 e o Sistema de Información Ambiental (SIAM) para monitorizar os avisos da chegada deste material á costa e informando aos concellos. Neste sentido, o Executivo galego apela á colaboración da cidadanía para que notifique ao teléfono 112 calquera achado de residuos nas costas galegas para que sexan incluídos nesa monitorización e pasen a integrarse no dispositivo de limpeza. 

 Nesta liña, as persoas que queren colaborar na recollida dos restos como voluntarios deben contactar cos concellos nos que pretenden actuar para optimizar os traballos. De feito, é especialmente sensible o caso das limpezas en áreas protexidas desde o punto de vista ambiental, nas que é preciso solicitar autorización previa á Dirección Xeral de Patrimonio Natural porque deben extremarse as precaucións para non danar os valores destas áreas así como seguir as recomendacións para protexer os ecosistemas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario