5 de dec. de 2023

VIGO

NOTA INFORMATIVA DO COMITÉ DE EMPRESA DE VITRASA




Comité de empresa de Vitrasa / Vigo

 Dende o comité de empresa de Vitrasa, concesionaria do servizo de transporte urbano do Concello de Vigo, informamos do seguinte:  

 Na reunión celebrada coa dirección de Vitrasa no día de onte a empresa realizou unha proposta inaceptable para o comité. A pesar de que a compañía leva dende 2020 negándose a negociar coa escusa da falta de reequilibrio económico, unha vez que o alcalde de Vigo anuncia que xa está preparado Vitrasa segue mantendo a súa postura inicial negándose a realizar incremento salarial algún para os anos 2021, 2022 e 2023; isto supón unha perda de poder adquisitivo a día de hoxe superior ao 16% e que se arrastrariamos durante o resto da nosa vida laboral.  

 Ademais, os incrementos ofrecidos para os anos 2024, 2025 e 2026 do 3%, 1,5% e 1,5% respectivamente non levan asociada unha revisión do IPC que prevemos sexa superior a estas  cifras, polo que aumentaría aínda máis esa perda de poder adquisitivo. Tamén pretenden eliminar un plus de absentismo que en ningún caso sería compensado co novo plus proposto. 

 A proposta realizada tampouco contén ningunha solución ás  nosas reclamacións en canto a xornada anual, descanso na xornada, duración máxima da mesma (a día de hoxe de ata 10 horas continuadas), vacacións, maior contratación indefinida, etc. 

 Con todo, calquera outra oferta tería sido rexeitada igualmente xa que a maioría do comité esixe a retirada previa das sancións a 12 traballadores/as, dos que nove son membros da representación sindical, para poder negociar sen coacción e en total liberdade.  

 Non é aceptable que a empresa pretenda que suspendamos agora a folga  para negociar, cando leva tres anos cunha postura inmobilista. 

 Así mesmo, imos solicitar novamente unha reunión co alcalde de Vigo, quen nunca nos recibiu persoalmente, para poder explicarlle a nosa visión do conflito e que non realice valoracións fundamentadas unicamente na opinión da empresa. 

 Ante esta situación sentímonos obrigados/as a seguir coas mobilizacións previstas e aproveitamos para pedirlle desculpas á cidadanía, que é a principal prexudicada neste conflito. 

(R.)

Ningún comentario:

Publicar un comentario