7 de dec. de 2023

TOMIÑO

As voces da Coral Polifónica inaugurarán o Nadal en Tomiño  

 O auditorio de Goián acollerá este domingo 10 o tradicional concerto de Nadal da entidade

  

Coral Polifónica de Tomiño
Foto: C.T.


Infogauda / Tomiño 

 A Coral Polifónica dá o pistoletazo de saída ás festas en Tomiño co seu tradicional concerto de Nadal. As voces das máis de 30 persoas que integran a formación serán as encargadas de abrir a programación cultural e de lecer no municipio cunha agardada actuación o domingo 10 de decembro ás 19.00 horas, no auditorio de Goián. 

 O público poderá gozar de balde da paixón pola música e o canto da Coral Polifónica, varias xeracións que conforman unha gran familia baixo a dirección de David González Sobrino. Nesta nova actuación prometen sorprender ao público con algunha novidade, ao tempo que deleitará a todas e todos os asistentes co seu amplo repertorio de cancións populares, clásicas e contemporáneas.  

 A coral tomiñesa comezou a súa andaina no ano 1997 e na actualidade ten gañado o recoñecemento do público pola súa calidade e estilo único. Cada luns ensaian de forma puntual con moita ilusión de subirse ao escenario e transmitir o seu amor pola música e o canto. A Coral Polifónica de Tomiño está aberta a recibir novas/os integrantes de todas as idades e sumar voces a un equipo formado por xente dende os 50 aos 83 anos.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario