7 de dec. de 2023

ECONOMÍA

BESTEIRO APOIA AOS PALANGREIROS DA GUARDA COMO “LÍDERES DA SUSTENTABILIDADE E DA BOA XESTIÓN DOS FONDOS EUROPEOS”  

 Xuntos analizaron fórmulas de colaboración para respaldar á organización, pioneira en Europa, e Besteiro interesouse polos “exoesqueletos”, os armazóns que evitarán lesións aos traballadores que manipulen os peixes, algúns de 100 kilos  

 O candidato dos socialistas galegos á presidencia da Xunta visitou a planta frigorífica de Orpagu, en Tui, acompañado polo alcalde desta localidade, o deputado e secretario xeral dos socialistas da provincia, David Regades, e os ex-alcaldes da Guarda, José Manuel Domínguez Freitas e Antonio Lomba Baz 


O deputado e candidato á presidencia da Xunta polo PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro  - no centro - xunto con Joaquín Cadilla Castro, presidente de Orpagu; o deputado e secretario xeral dos socialistas da provincia, David Regades; o alcalde de Tui e os ex-alcaldes da Guarda, José Manuel Domínguez Freitas e Antonio Lomba Baz

Infogauda / Tui

 O deputado e candidato á presidencia da Xunta polo PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, apoia aos armadores da Organización de Palangreiros da Guarda (Orpagu) e respalda os proxectos innovadores, que están a desenvolver grazas aos fondos europeos. “Mentres a Xunta de Galicia de Rueda é incapaz de xestionar estes fondos, tal e como denunciou o propio Consello de Contas, o sector pesqueiro é quen de facelo e, ademais, de facelo moi ben”, sinalou.  

 Besteiro visitou a planta frigorífica e de procesado inaugurada polos palangreiros guardeses en 2022, que lideran hoxe en día o palangre de superficie na Unión Europea.  

 Trátase dun edificio sostible e intelixente que conta cun departamento de I+D+i e está dotado das máis avanzadas tecnoloxías de robótica e automatización para mellorar os procesos de carga, descarga e manipulado de grandes peixes. Esta obra, que supón un paso adiante para os armadores/pescadores de Orpagu xa que lles permite o procesado e o almacenaxe dos seus produtos e os doutras flotas, contou cunha importante achega de fondos europeos -preto de sete millóns de euros- dotados polo goberno de Pedro Sánchez, o que permitiu acometer a construción.   

 “Esta organización ten todo o meu respaldo. Son exemplares na execución dos fondos europeos, na creación de novos produtos para que a xente coma peixe e na investigación para evitar accidentes laborais entre a xente do mar”. De feito, interesouse polo funcionamento dos exoesqueletos que facilitan e potencian, a través de armazóns, os movementos e a forza dos traballadores que manexan exemplares de máis de 100 quilos nalgúns casos.  

 Os palangreiros transmitiron ao líder socialista a súa preocupación pola baixada do consumo de peixe en España, máis dun 25% na última década, e explicáronlle a súa aposta por adaptarse aos novos formatos para que sexan máis atractivos para as novas xeracións, como hamburguesas, nuggets ou empanadillas... Asimesmo, trasladáronlle a súa inquedanza pola diferenza que existe entre o prezo que lles pagan a eles e o que terminan pagando os consumidores.  

 Orpagu, cunha frota de 81 barcos -46 españois e 35 portugueses- lidera hoxe en día o palangre de superficie na Unión Europea, sendo un exemplo de sustentabilidade e coidado do mar. En 2020 a organización que preside Joaquín Cadilla Castro levou o premio Alimentos de España, que recibiu de mans do ministro socialista Luis Planas. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario