BALONMÁN FEMININO
O Guardés xoga a todo ou nada pola final europea na Sangriña
• O equipo baixomiñoto recibirá este sábado, 25 de abril, ás 20.30 horas ao Costa del Sol Málaga no encontro decisivo por unha praza na final da EHF European Cup
• As de Ana Seabra chegan con tan só dous goles de vantaxe, pero aferrándose á superioridade que amosaron no partido de ida para intentar conseguir un billete para a que sería a segunda final europea da historia do Club
• A convocatoria segue completa coas 16 xogadoras
Redacción Deportes / A Guarda
O Mecalia Atlético Guardés roza a historia cos dedos. As de Ana Seabra recibirán este sábado, ás 20.30 horas ao Costa del Sol Málaga para disputar o partido definitivo de semifinais da EHF European Cup, ao que chegan cunha vantaxe de apenas dous goles da ida en Carranque. De logralo, o equipo baixomiñoto faría historia conseguindo un billete para a que sería a súa segunda final europea, tres anos despois da primeira en 2023. De novo, a convocatoria non ten ningunha baixa, e as 16 xogadoras piden á afección local que se entregue con elas e encha o pavillón da Sangriña para empurrar polo soño europeo.
O conxunto guardés chega con boas sensacións, mais con prudencia e seriedade. Non é momento de precipitacións para un equipo que o domingo pasado viu como un resultado que as faría chegar a este partido con menos incerteza se lles escapaba das mans cando, despois de dominar toda a segunda parte dun encontro ata entón igualado en Málaga, as de Suso Gallardo espertaron para asestar un parcial 4-0 nos tres minutos finais que reducía a distancia ata os dous únicos goles que deron a primeira vitoria deste eliminatoria ao Mecalia (24-26). Aprenderon polas malas as de Seabra que non deben dar por morto a un rival con experiencia na competición baixo ningún concepto, polo que a tónica deste sábado será de precaución, aínda que tamén se confianza no traballo feito.
E é que as sensacións positivas foron notables no primeiro capítulo destas semifinais. Ata ese epílogo que igualou as cousas, o equipo baixomiñoto viña controlando a maior parte do período dende o descanso, grazas a un intenso traballo en defensa que lles valeu varios roubos de balón importantes e xerar outros tantos lanzamentos forzados dun ataque malagueño máis ben inseguro. O xogo ofensivo galego, ademais e pola súa parte, tamén brillou liderado pola parella que formaron Sancha e Cacheda, as que con seis e cinco goles cada unha respectivamente foron as responsables de transformar unha grande coordinación de todo o equipo. O obxectivo para este sábado será evocar eses elementos valiosos logrados en Carranque e corrixir os erros que levaron á caída do final do encontro. Unha misión para a que o Guardés ten moito ao seu favor, dende os dous goles de vantaxe cos que chega (aínda que mínimos, significativos) ata o apoio dun pavillón que o Club tratou de encher por tódolos medios, e pasando por último por unha convocatoria que continúa completa con 16 xogadoras.
O Málaga, pola súa banda, tratará de aferrarse á garra que logrou sacar nos derradeiros instantes dun partido onde se lle viu perdido e tocado polas baixas. Sen Joana Resende, Maider Barros, Nicxon Clabel nin Bárbara Vela, e con Estela Doiro de volta pero a medio gas, as andaluzas sufriron na casa para reconducir a dirección do partido ata que o lograron milagrosamente no momento da verdade. Isa Medeiros foi vital nesa remontada in extremis, polo que o anfitrión deberá vixiar o seu extremo con especial atención mañá.
Polo demais, non cabe subestimar a un rival con moitas táboas nun torneo que xa coroou en 2021 e no que logrou unha segunda praza de finalista ao ano seguinte. Este sábado buscará, sen dúbidas e sen nada que perder, a terceira. Aínda que para iso deberá soportar a presión dun Inferno que se espera máis quente ca nunca para animar ás súas na mesma dirección: cara ao fito que xa completou en 2023 e que volvería poñer a pequena vila da Guarda no grande mapa de Europa; cara ao que sería, en definitiva, o mellor parágrafo posible que engadir á historia dun Club ao que ilusiona especialmente a oportunidade de escribilo agora, xusto cando non está a vivir o seu mellor capítulo fóra do deportivo. Pero tamén cara ao que serán, sobre todo, 60 minutos de puro goce dunha afección decidida a cumprir co seu papel na cita do ano.
Ana Seabra: “Vai ser un partido moi duro, pero estamos moi ilusionadas por vivir un novo momento deportivo”
A adestradora do Guardés, Ana Seabra, ve o partido deste sábado coma “unha auténtica final contra un Málaga con moita experiencia”. Malia as horas baixas que o seu rival puido aparentar hai unha semana, a técnica non subestima o nivel das andaluzas, e por iso insiste en que “sabemos que teremos que corrixir, axustar e controlar mellor algúns momentos do partido e ter un pouco máis de madureza”, enfocándose máis nos detalles menos bos dun encontro no que as súas foron superiores. Porque non cabe dar por sentada ningunha superioridade, e os dous goles de renda non poden xerar confianza en exceso no que, para a preparadora, “vai ser un partido moi duro”.
Con todo, pase o que pase, Seabra destaca o mérito das súas e o histórico dunha oportunidade que non pensan desaproveitar, e que as deixa “moi ilusionadas por vivir un novo momento deportivo, e con moitas ganas de facelo de forma que nos permita seguir adiante cara á final”.
María Sancha: “Precisamos que toda A Guarda se entregue con nós”
A capitá do Guardés, María Sancha, tamén cualificou a semifinal deste sábado coma “unha final” para as súas. A primeira liña explica que son conscientes de que “a eliminatoria está totalmente aberta aínda que levemos dous goles de renda”, pero non sen incidir en que todo o plantel “estamos con moita confianza no traballo que levamos feito”. Esta será a primeira chave para afrontar o que, coincide, será un encontro “moi difícil”, e Sancha centra a segunda no apoio imprescindible na afección: “Precisamos que toda A Guarda se entregue con nós”, pide, chamando a encher este sábado A Sangriña “para poder facer da nosa casa un verdadeiro Inferno”.
AXENDA
EHF European Cup | Semifinais – VOLTA
Mecalia Atlético Guardés – Costa del Sol Málaga
Sábado, 25 de abril | 20.30 horas | Pavillón da Sangriña
Retransmitido en directo pola canle G2 da Televisión de Galicia e en https://www.agalega.gal/

Ningún comentario:
Publicar un comentario