6 de dec. de 2023

TOMIÑO

O PSdeG DE TOMIÑO DENUNCIA A  PENOSA PROGRAMACIÓN DE NADAL


Aspecto dunha das rúas do concello de Tomiño
Foto: G.M. PSdeG-PSOE de Tomiño


Infogauda / Tomiño

 Mediante un comunicado enviado aos medios de comunicación social, as concelleiras do grupo municipal do PSdeG-PSOE no Concello de Tomiño critican a programación de Nadal ofertada polo Goberno Municipal. Unha programación de actividades penosa, por moito que a vendan como moi grande e atractiva, afirman Violeta de Santiago Moure e Mirta Isabel Misa Misa, concelleiras do grupo municipal do PSdeG-PSOE. 

 As concelleiras socialistas inciden en que “é unha programación continuista, sen ningún elemento innovador, sen ningunha oferta para a conciliación nestas datas, sen ningún obradoiro para a cativada, sen animación de rúa, sen ningunha decoración alternativa, sen música e sen ningunha ilusión”. 

 “É desolador chegar a Tomiño dende un concello veciño cheo de luz, música e ilusión, coas rúas repletas de xente, e atoparse  cun concello escuro e sucio, con todas as follas no chan, e coas rúas absolutamente baleiras de veciños e veciñas, coa repercusión negativa para o noso comercio local que isto significa”. 

 As socialistas critican tamén “a grande inversión de cartos públicos nas prazas e rúas, en teoría para xerar espazos para as persoas, cando esas rúas e prazas están baleiras pola desidia e falta de traballo e planificación  deste Goberno local”. 

 “É absolutamente incomprensible - engade Violeta de Santiago - que a semana pasada fose convocado o comercio de Goián para presentar unha campaña de dinamización, campaña pagada a unha empresa privada e afín ao Goberno Municipal, e nestas datas sinaladas, sigan presentando as mesmas actividades de hai 20 anos. 

 Dende o PSdeG, esiximos unha programación de Nadal axeitada para dinamizar o noso comercio local e tamén para que as familias tomiñesas poidan desfrutar do seu concello sen ter a necesidade de desprazarse para o seu lecer nin facer as súas compras. 

 Se non teñen ideas ou non saben programar unhas actividades atractivas, que poñan en marcha xa o Consello Municipal da Cultura, porque hai moitas persoas que poden aportar iniciativas novedosas e cun grande valor engadido, ao involucrar á sociedade na toma de decisións colectivas e facer a participación cidadá unha realidade” declara a voceira socialista, Violeta de Santiago.

Ningún comentario:

Publicar un comentario