19 de dec. de 2023

TOMIÑO

Tomiño presume de Nadal sostible e participativo  

 Alumnado do FPB de Agroxardinería e Composicións Florais e floristas de Tomiño e Goián, embelecen as rúas con orixinais arranxos de arte floral  

 ADETO realizará concursos e sorteos coas fotos máis divertidas sacadas nos tres emprazamentos para fotos que se colocarán nas prazas Pintor Antonio Fernández, do Seixo e da Mina  


O alumnado do FPB Agroxardinería e Composicións Florais foi o encargado de deseñar, crear e colocar os adornos que xa decoran o balcón do Concello e as columnas das prazas de abastos de Goián e Tomiño

Foto: C.T.


Infogauda / Tomiño

 Un Nadal participativo, divertido, natural e máis sostible, tamén na súa decoración. Un ano máis o Concello de Tomiño aposta por decorar as rúas coa creativa e orixinal arte floral creada por alumnado de FPB do IES Antón Alonso Ríos e por floristas de Tomiño e Goián, vestindo os diferentes recunchos da vila con diferentes elementos decorativos baseados en plantas e flores típicas desta época e da comarca.  

 A alcaldesa, Sandra González, destaca a importancia deste tipo de iniciativas que “permiten debuxar un Nadal de visibilización do traballo que están a facer os nosos veciños e veciñas, un Nadal que camiñe nese presente e futuro máis sostible, dándolle un valor especial ao uso de materiais naturais e a artesanía para decorar as nosas rúas e prazas, pero tamén instalacións municipais como a propia Casa Consistorial ou os nosos mercados”. 

 Neste camiño, o alumnado do FPB Agroxardinería e Composicións Florais foi o encargado de deseñar, crear e colocar os adornos que xa decoran o balcón do Concello e as columnas das prazas de abastos de Goián e Tomiño, enchéndoos de verdes e vermellos. Grilandas e coroas naturais feitos con ilusión e agarimo guiados polo equipo docente e que lles permite exhibir o traballo que realizan nas aulas e a súa paixón por un sector de grande importancia no municipio.  

 As rúas e prazas do concello tamén se encheron de vida grazas ao traballo das floristas de Tomiño e de Goián, que decoraron diferentes recunchos cos seus orixinais arranxos florais. Carmiña, da florería Lilas; Marisa, da florería Marisa Baquero; e Reme, dedicada á venda de plantas, empregaron flores e plantas típicas da comarca para facer espectaculares centros que acompañan e complementan á perfección a decoración de madeira da Praza do Seixo, da Praza da Mina ou da Praza Pintor Antonio Fernández.  

 Prazas que serán tamén o epicentro dunha divertida actividade de Nadal proposta pola Asociación  de autónomos de comercio, hostalaría, industria e de centros comerciais abertos de Tomiño (ADETO). Durante todas as festas estas tres prazas contarán con tres orixinais emprazamentos para fotos coas figuras do Apalpador, de Papá Noel e dos Reis Magos para que a veciñanza tomiñesa poida sacarse divertidas fotos durante o Nadal. ADETO premiará a todas as persoas que se animen a posar e inmortalizar o momento con concursos e sorteos a través das súas redes sociais.     

 “É un luxo contar cunha veciñanza e cun comercio tan implicado e comprometido, con gañas de facer cousas, de colaborar e de axudar a visibilizar un sector que ten un peso moi importante no noso territorio como o viveirista e de idear orixinais iniciativas que nos permitan seguir dinamizando o noso comercio local”, salienta a alcaldesa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario