A CIG rexeita os cambios en materia de emprego público que vén de aprobar o Goberno español
• O R.D. publicado no BOE adianta medidas da Lei de Función Pública que a central non asinou porque precarizará as condicións laborais e non garante a transparencia do sistema de avaliación do persoal
Infogauda / Galiza
A CIG-Administración amosou hoxe o seu rexeitamento ás modificacións en materia de emprego público que vén de aprobar o Goberno español e que adianta medidas da Lei de Función Pública que a central non asinou, entre outras cousas porque suporá a precarización das condicións laborais e non garante a transparencia do sistema de avaliación do persoal.
Dende a central sindical sinalan que o Real Decreto-lei aprobado pola vía de urxencia e publicado esta mañá no Boletín Oficial do Estado polo que se aproban medidas urxentes para a execución do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia en materia de servizo público de xustiza, función pública e réxime local “responde á necesidade de xustificar a reforma marcada pola UE dentro da política de imposicións para recibir os fondos Next Generation”.
Este R.D., na parte que ocupa o Libro Segundo, adianta medidas que establece a nova Lei da Función Pública da Administración do Estado, que se atopa aínda en proxecto e que entra na regulación de materias que son obxecto de negociación segundo o artigo 37 letras c), d), l) e m) do EBEP.
En canto ao articulado, a CIG-Administración sostén que é unha copia parcial do que establece o proxecto de Lei de Función Pública e que a central sindical non asinou polos seguintes motivos:
Avaliación do desempeño
Para a CIG é un dos pilares fundamentais desta lei, e consiste nun procedemento que medirá a conduta profesional e o rendemento do persoal empregado público. Esta avaliación marcará as retribucións, carreira profesional, promoción, formación, concursos e mobilidade. A Lei non contempla a representación sindical na Comisión de Coordinación da Avaliación do Desempeño, algo que a central sindical considera innegociábel para garantir a transparencia nos sistemas de avaliación. Tampouco recolle cal vai ser modelo de avaliación a seguir, deixando pendente o seu desenvolvemento regulamentario. “Entendemos que a utilización desta ferramenta levará a situacións arbitrarias e inxustas”, advirten.
Carreira profesional
Está condicionada á avaliación do desempeño, e non establece as contías económicas.
Áreas funcionais
Novo concepto creado para poder mover ao persoal con ou sen o seu consentimento. Esta Lei non delimita nin define o seu ámbito (centro de traballo, localidade, etc). Un empregado/a poderá ser movido do seu posto xa que pode estar incluído nunha ou varias áreas funcionais. Tamén queda pendente o seu desenvolvemento regulamentario.
Persoal directivo
Un dos poucos temas que non deixa pendente para desenvolver regulamentariamente (Capítulo III): subdirectores/as xerais serán “persoal directivo” e subdirectores adxuntos/as “persoal predirectivo”. A CIG sempre rexeitou o art.13 do EBEP na súa totalidade, onde ven recollido esta figura e que deixa fora de calquera control e negociación sindical tanto o réxime xurídico que o regule como as súas condicións retributivas. “Algo que nos parece escandaloso, e que ningún sindicato, só a CIG, denuncia”.
Retribucións
Segue sen garantir a cláusula de revisión salarial. Non aborda a simplificación dos conceptos retributivos nin garante a homoxeneización de salarios dos diferentes ministerios, non incorpora mecanismos de recuperación da perda do poder adquisitivo e segue mantendo un sistema retributivo atomizado.
Salario diferido
Apóstase polos plans de pensións privados e contratos de seguro; no art. 97 recoñécese a consideración de “retribucións diferidas” das achegas aos plans de pensións privados. É dicir, computan como subas salariais. “Lembremos que dende o ano 2004 o BBVA xunto con CCOO e UGT xestionan un Plan de Pensións que dende o 2012 non recibe ningún tipo de achega e que ten un fondo de máis de 600 millóns de euros”.
Xornada laboral
Non recoñece a xornada de 35 horas.
Xubilación parcial
Segue se abordar este tema, sen ningún tipo de xustificación. Nin a xubilación obrigatoria aos 65 anos.
Mobilidade
Abre a posibilidade da “mobilidade forzosa” do persoal (art. 63) a nivel ministerial e intraadministrativa, xa que no delimita o ámbito.
Atribución temporal de funcións
Poderase atribuír funcións temporais a persoal que non lle son propias nin recoñecidas na relación de postos de traballo.
Ofertas de emprego público
Segue sen garantir que as convocatorias se fagan o mesmo ano que a aprobación da oferta.
Regulamentos
A Lei está chea de xeneralidades que deixan ao desenvolvemento dos regulamentos temas de vital importancia e que son os que marcarán a propia Lei.

Ningún comentario:
Publicar un comentario