Gold & Colt, a banda de folk americano con sabor a terra, óxido e madeira, presenta o álbum 'Old Fashioned'
• O sábado, 30 de decembro de 2023, ás 20:00 horas, no Centro Cultural de A Guarda
Infogauda / A Guarda
Gold & Colt presenta un novo traballo que leva por título 'Old Fashioned', un disco no que se ofrecen historias e sentimentos a través dun son americano de raíz.
A presentación será o sábado, 30 de decembro, ás 20:00 horas, no Centro Cultural de A Guarda.
A banda executa ese son característico relacionándoo con outros estilos ao empregar arranxos de jazz, delta blues e rock&roll, ademais de estruturas country e letras que describen como "furiosas".
O álbum está gravado en directo e reflicte o carácter da nova formación, despois dos cambios na batería e do vocalista. Os novos temas van desde a melancolía de 'My own shoes' a cortes máis agresivos como 'Not my place' nos que se recolle sabor a terra, óxido e madeira.
Gold & Colt naceu no ano 2014 entre Pontevedra e Bueu. Dun dúo creado hai case unha década polos músicos pontevedreses Roberto Fernández e Dany Moure, recentemente falecido, Gold & Colt é agora un cuarteto composto por Roberto (guitarra solista, dobro), Álvaro Vázquez (voz, guitarra rítmica), Juyma Estévez (contrabaixo) e Noli Torres (batería).
Gold & Colt xa ten publicados tres discos e a banda está formada por músicos veteranos de Pontevedra, Bueu, A Guarda e Santiago de Compostela.


Ningún comentario:
Publicar un comentario