7 de dec. de 2023

A GUARDA

O BELÉN ARTICULADO XA BRILLA NA CASA DOS ALONSO

 Pode visitarse ata o 8 de xaneiro, de 9.00 a 15:00 e de 17.00 á 20.00 horas


Vista do belén articulado de Genaro Alonso Martínez, que pode visitarse na Casa dos Alonso
Foto: Infogauda

Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 Logo de moitas sesións de deseño creativo, de procura dos materiais e de execución de todas e cada unha das figuras, enxeños e complementos, un belén articulado, da autoría do artesán Genaro Alonso Martínez, xa brilla no vestíbulo da Casa dos Alonso, e pode visitarse ata o día 8 de xaneiro, de 9.00 a 15.00 e de 17.00 á 20.00 horas. 

 No labor de montaxe dese artístico e singular belén, feito maioritariamente con materiais metálicos, que foron sabiamente reciclados e reutilizados por Genaro Alonso, colaboraron o propio autor, súa dona Elena Alonso Trigo e o padre Vidal, dos PP. Somascos. A instalación tivo lugar na tarde de onte, e desde hoxe mesmo o belén xa estivo patente para que toda á cidadanía poida visitalo nestas vésperas do nadal e ata a festividade de Reis.

 Ambientado nunha aldea galega - que ben podería ser Nadalmundi -, o belén de Genaro Alonso está  presidido por un humilde portal que acolle ao Neno Xesús nun presebe, á Virxe María e San Xosé, así como o anxo da Anunciación, e tamén o boi e a mula, que aportan seu aquecemento natural. Tamén se poden ver aos Reis Magos de Oriente, que van camiño de Belén (Palestina).

 Na contorna dese espazo tan especial, á vida cotiá transcorre nunha simbiose de harmonía, onde a ledicia da boa nova do Nacemento, alegra ás persoas que - cada unha no seu oficio -, manteñen activa á comunidade, co traballo persoal, de todos e cada un dos seus membros: a muller labrega, a lavandeira, a coidadora, o arrieiro, o carpinteiro, o ferreiro, o gandeiro, o muiñeiro, o oleiro, o padeiro, o pescador, o serranchín, o sancristán,... 

 Están tamén as ovellas pacendo, e xunguidos a carros, ou transportando mercadorías, os animais de tiro (asnos, cabalos, bois e vacas), axudando nos labores do traballo agrícola ou forestal.

 Mulleres e homes esforzados, que manteñen vivos algúns dos oficios tradicionais, aqueles nos que - como no belén de Genaro Alonso - ten cabida a insubstituíble IH -  Intelixencia Humana - e onde todo o que podemos ver cos ollos mortais ten súa razón de ser. 

 Nese belén están as casiñas da poboación, mesmo algunha coa lareira acesa e o fume saíndo preguiceiro pola cheminea, sen présa por unirse co ar. Hai outra que abre ás fiestras cara o lugar onde xogan os picariños. E alá no outeiro, preto dos cumios do monte, a ermida, onde a campá toca de cando en vez. E polo leste, o muño de vento e súa curmá a turbina, integrados na paisaxe. Máis abaixo, o pozo da auga, a fragua, o muño hidráulico, a padería,..., as corredoiras, as leiras, sebes, varcias e vales. En todos eses lugares está a paisanaxe e a esencia das nosas tradicións. Da etnografía e os saberes da nosa xente, verdadeiro patrimonio inmaterial e natural.

 Todo iso, nunha escenificación moi grata - con maior superficie que na edición precedente - e mesmo dinámica, xa que moitas das figuras están articuladas e teñen dalgún xeito vida propia, o que fai deste belén unha expresión artística que ben merece súa contemplación devagar. E os parabens para Genaro Alonso Martínez pola súa inspiración e traballo, así como ás persoas que lle axudaron a montar esa obra de arte tan fermosa, que a xeito de nadaliña, expresa unha inequívoca mensaxe de paz para toda a humanidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario