9 de dec. de 2023

CAMPOSANCOS (A GUARDA)

“NADAL  CAMPOSINO: UN NADAL DE CONTO”

 Camposancos inaguraráo o domingo 10 de decembro, ás 19 horas, co acendido das luces






Mª Mercedes Martínez Vázquez* / Camposancos

 Camposancos engalánase novamente cunhas excelentes decoracións de nadal, cubrindo de fantasía todos os espazos nun proceso de creación colectiva. Os veciños e veciñas decoran as súas casas e os espazos públicos con materiais naturais ou de refugallo. A temática deste ano xira en torno aos contos infantís tradicionais. 

 Dende a Entidade Local Menor de Camposancos (ELM) agradecemos a implicación da veciñanza que permite levar adiante esta importante actividade. Trátase dun nadal ecolóxico, de proximidade, biodegradable, reciclado e coas mínimas emisións de CO2, con perspectiva de xénero, en galego e cun enfoque claramente tradicional. Nel participan todos os barrios na medida das súas posibilidades, nun proceso colaborativo, que axuda a construír comunidade e gozar do traballo colectivo, pensado para ensinar a rapazada outras maneiras de enfrontar a nova realidade e cuidar o planeta, mediante o xogo e a diversión. 

 A inauguración será o domingo 10 de decembro, ás 19 horas, co acendido das luces. 

 O día 17, ás 17 horas, na Sociedade Os Amigos (Casino de Camposancos) proxectarase o filme Goián Vaciado, do Grupo San Roquiño, 

 O sábado 23 ás 17 horas contaremos coa actuación de Bieito Solo, e o venres 29 de decembro ás 17 horas haberá un pasacalles animado polas gaiteiras “Do lusco ao fusco” con saída da Praza de San Amaro e remate no barrio do Palomar.  Contarase coa presenza do Apalpador e da Apalpadora, personaxes tradicionais da cultura galega, carboeiros de cabelo vermello que viven no monte e que cada ano polo Nadal baixan saudar e xogar cos máis pequenos da casa repartindo comida e xerando fantasía e ilusión. 

* Presidenta da E.L.M. de Camposancos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario