O COMITÉ DE EMPRESA DE VITRASA DENUNCIA A MANIPULACIÓN
Que se fai por parte do Concello de Vigo
Comité de empresa de Vitrasa / Vigo
Dende o comité de empresa de Vitrasa queremos denunciar a manipulación que se fai por parte do Concello de Vigo das mobilizacións que estamos a desenvolver as persoas traballadoras de Vitrasa.
As declaracións dos responsábeis municipais aos medios de comunicación non se axustan á realidade do que acontece e só atenden á versión nesgada da dirección da empresa.
A representación do cadro de persoal leva agardando máis de dous anos que a compañía amose disposición a negociar a renovación do convenio, polo que lamentamos que a día de hoxe, e a pesar do prexuízo que se lle está a causar á cidade, Vitrasa aínda non achegase nin unha soa proposta de negociación de convenio.
De feito, a empresa presentouse na mediación do pasado venres 24 sen pretensión algunha máis alá de intentar desconvocar a folga. A única parte que estaba interesada en buscar solucións era a representación dos traballadores/as. Chegamos mesmo a aceptar a suspensión da folga durante unha semana -a pesar de non ser a nosa postura inicial e de ser a nosa única forma de presión- para poder comprobar o talante negociador da empresa. Suspensión que continuaría en caso de que se producisen avances na negociación.
Doutra banda, dende o Concello de Vigo estase a intentar politizar unha lexítima protesta laboral pretendendo facer crer que todo este conflito está organizado por un partido político e por un sindicato. Dende o comité de empresa parécenos vergoñento e unha falta de respecto a todo o cadro de persoal de Vitrasa.
Non hai que esquecer que o comité está composto por 5 delegados/as de CIG, 4 de CCOO, 2 de UGT e 2 de USO, polo que non hai unha maioría absoluta, ao contrario do que ocorre no Concello de Vigo. As decisións están a tomarse de forma unánime e co apoio mostrado en asemblea pola maioría do persoal.
Con estas actitudes o Goberno local pretende unicamente evitar asumir a súa responsabilidade no conflito e tratar de esconderse tras a cortina de fume das declaracións que no seu día realizou o alcalde esixíndolle ás partes sentarse a negociar até atopar unha solución ao problema do transporte público da nosa cidade.
A actitude de Vitrasa é totalmente contraria ao esixido polo alcalde, burlándose deste, dos cidadáns e das persoas traballadoras. Polo que lle esiximos ao máximo responsábel municipal que tome as medidas necesarias para recuperar de inmediato o transporte público da cidade para os seus cidadáns, xa que é da súa exclusiva competencia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario