A Xunta de Galicia concede axudas do programa de emprendemento feminino por 150.000 € a 12 proxectos empresariais que fomentan o emprego feminino no Baixo Miño
• O delegado territorial en Pontevedra, Agustín Reguera, ofreceu detalles sobre estas achegas nunha visita ás oficinas de Belhabitats Interiorismo en Tui
Infogauda / Tui
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, vén de conceder axudas do Programa de axudas de fomento do emprendemento e o emprego feminino a 12 proxectos empresariais impulsados por mulleres no Baixo Miño cun investimento de máis de 150.000 euros.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, informou desta resolución esta mañá nunha visita á empresa Belhabitats Interiorismo que vai recibir unha achega de 16.000 euros ao abeiro da liña Emprende deste programa, orientada á facilitar a posta en marcha de novas iniciativas empresariais e á creación de novo emprego feminino estable por conta propia e allea.
Acompañado polo xefe territorial de Promoción do Emprego e Igualdade, José Antonio Rodríguez Fachado, o delegado territorial destacou o gran impacto deste tipo de axudas que “permiten a moitas mulleres facer crecer o seu negocio e fomentan o emprego feminino”.
Máis alá de Belhabitats, estas axudas chegaron a 12 empresas máis no Baixo Miño. En total, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade vai favorecer a consolidación ou creación de 24 postos de traballo de mulleres nesta comarca e preto de 350 en toda a provincia.
Cabe destacar que a Xunta ten apostado de forma contundente polo emprego e a igualdade en toda a comunidade autónoma nos últimos anos. No caso de Tui, entre os apoios ao concello e os ofrecidos a asociacións, clubs, colexios, AMPAS, empresas e demais entidades afincadas nesta localidade, a Xunta investiu entre o 2019 e o 2022, máis de 3 millóns de euros en políticas que fomentaron a creación ou mantemento do emprego e a igualdade.
Reguera aproveitou a visita para lembrar que a Xunta de Galicia seguirá traballando ao carón do sector empresarial e poñendo todas as facilidades para que Galicia sexa “un lugar atractivo para todos os inversores, dende as pequenas pymes, ata as grandes corporacións”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario